25 de xullo, Día da Patria Galega. Manifestación en Santiago de Compostela. FAI VALER A TÚA FORZA!!!

bng.xinzodalimia

31 de Agosto de 2010

Pleno ordinario 31.08.2010

Hoxe, martes 31, ás 18:00h, celebrase o Pleno ordinario do Concello de Xinzo do mes de agosto segundo a orde do día que acompañamos (ver pdf adxunto).

Como punto máis salientábel a tratar destacamos:

3. Petición institucional para adicar o Día das Letras 2012 a Carlos Casares (10º aniversario do seu pasamento).
4. Proposta para adicar a Casa da Cultura vella (cárcere vello) a Antonio Rodríguez “Rodriguete”, mestre, ex-concelleiro, finado recentemente.
6. Ratificación do Decreto da Alcaldía relativo á aplicación das medidas de redución do déficit público (RDL 8/2010).
7. Recoñecemento Extraxudicial de créditos: 55 mil euros facturas 2008-2009.

 Arquivado em: Axenda, Grupo Municipal
13 de Agosto de 2010

O BNG denuncia que a báscula pública de Xinzo non serve nin para pesar a incompetencia do Concelleiro do Medio Rural

20100813-capa

En plena campaña de colleita do cereal, numerosos agricultores veñen de denunciar diante do Grupo Municipal do BNG de Xinzo que cada pesada dun tráiler deste produto na báscula pública instalada polo Concello na Rúa Rosalía de Castro está a suporlles unhas perdas directas de máis de 500€ debido aos erros derivados do mal funcionamento e calibrado da mesma. Os problemas deste servizo non son novos xa que o ano pasado a báscula estivo inutilizada varias semanas pola falla dun reposto necesario para arranxar unha avaría no dispositivo de emisión dos tickets de pesado.

Ás múltiples dificultades que está a atravesar o sector do agro limiao, tanto no que atinxe aos baixos prezos e á desestruturación dos mercados como ás cuantiosas perdas sufridas este inverno tras o devastador temporal ‘Xynthia’ que practicamente inviabilizou as colleitas, engadíuselle hai uns días a posibilidade de perder as subvencións habilitadas polo Estado no contexto da declaración de Zona Catastrófica debido á neglixencia administrativa do Concello, baixo o mandato do Grupo de Goberno do PP, e agora hai que sumar esta nova eiva resultado da despreocupación do Concelleiro responsábel.

O BNG lamenta que sexan de novo as veciñas e veciños de Xinzo, neste caso os agricultores, os que paguen directamente a probada e reiterada incompetencia do Concelleiro do Medio Rural, Antonio Pérez Rodríguez, polo que solicita que de xeito urxente a báscula sexa revisada e verificada para atallar o problema canto antes, ao tempo que alerta aos potenciais usuarios desta disfunción para que opten temporalmente por outras alternativas de pesado.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
30 de Julho de 2010

O BNG de Xinzo alerta da posíbel perda de máis de dous millóns de euros en axudas polo temporal debido á neglixencia do Goberno do PP no Concello

20100730-capa

A Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG de Xinzo ven de recibir múltiples queixas e reclamacións relativas todas elas ás presuntas e gravísimas irregularidades detectadas na redacción dos informes técnicos realizados polo Concello de Xinzo no que atinxe á comprobación, certificación e valoración dos danos causados polo temporal ‘Xynthia’, que non se corresponden en absoluto coa realidade reflectida polos titulares das explotacións, e ao absentismo total na inspección técnica in-situ.

A día de hoxe a subsanación destas irregularidades e desaxustes pode incidir negativamente na tramitación dos expedientes en tempo e forma e, no peor dos casos, enfrontármonos á posibilidade de que finalmente estes graves erros poidan provocar a perda definitiva da meirande parte das axudas solicitadas polos afectados do noso Concello.

Para o BNG estamos diante dun tema grave que esixía máxima prioridade, especial adicación e interese por parte dos responsábeis municipais ao afectar ás economías das nosas veciñas e veciños, por isto, vimos de presentar un escrito no Rexistro do Concello solicitando toda a información sobre este asunto. Así mesmo, dirixirémonos á Subdelegación do Goberno para que medie diante do Ministerio de Medio Ambiente e se habiliten prazos para que os procedementos administrativos do Xynthia sen informe municipal de danos poidan ser subsanados e completados.

No mesmo escrito esiximos que o Concelleiro do Medio Rural, Antonio Pérez Rodríguez, dea as explicacións oportunas e responda politicamente diante da súa neglixente falla de dilixencia e rigor neste caso, o que pode supor a perda de máis de 2 millóns de euros en axudas polo temporal para o agro da Limia. No BNG lamentamos que as tribulacións e liortas internas do posíbel candidato “popular” nas vindeiras eleccións non lle deixen tempo libre para adicarlle ás súas responsabilidades no actual goberno e que as consecuencias da súa inoperancia as paguen, coma sempre, os cidadáns do noso Concello.

Referencias:

22 de Julho de 2010

Mesa redonda: Propostas do BNG para saír da crise

20100722-capa

Venres, 23 de xullo, ás 20:30h no Salón de Plenos da Casa do Concello de Xinzo.

Intervirán:

Amador Díaz, Portavoz municipal do BNG.
X. Manuel Pérez, Senador.
Alba Feixoó, Responsábel de Galiza Nova.
Francisco Jorquera, Deputado no Parlamento español.

Non máis do mesmo, hai alternativa!

 Arquivado em: Axenda
16 de Julho de 2010

O BNG de Xinzo denuncia a lamentábel imaxe que imos ofrecer aos visitantes nas Festas polo estado de abandono que sofre A Moreira

20100716-capa

Na véspera da celebración das festas patronais na honra da Santa Mariña o BNG de Xinzo denuncia e lamenta a paupérrima imaxe que imos ofrecer, se ninguén o remedia, aos que nestes días se acheguen ata as instalación deportivas da Moreira a participar ou desfrutar das competicións deportivas incluídas dentro do programa de actos, nomeadamente o partido de veteranos do Celta que se vai celebrar o sábado.

O entorno da Moreira funciona dende hai anos como vertedoiro improvisado de refugallos de obra e restos de maleza e podas de árbores sen que dende o Concello se tome ningunha medida para corrixir esta situación. Cunha Concelleira de Deportes que cobra unha adicación exclusiva e con varios compañeiros do grupo de goberno pelexándose por saír na foto das obras é incomprensíbel o abandono que sofre un complexo deportivo destas características auténtico emblema futbolístico da Limia.

Como xa denunciamos no último pleno, no que se debateron os orzamentos, o desleixo e a falla de interese xeneralizados do Grupo de Goberno do PP é escandaloso e A Moreira é un dos exemplos máis gráficos. O alcalde, Isaac Vila, logo de anunciar o seu retiro deixa decorrer o tempo nunha actitude contemporizadora e debulla os días que lle faltan para a merecida xubilación, mentres, os seus concelleiros, andan máis preocupados nas súas liortas particulares por ver quen se queda cos despoxos do partido e en posicionarse para afrontar a nova etapa que en resolver os problemas das veciñas e veciños de Xinzo.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
2 de Julho de 2010

O BNG denuncia a tardía declaración de supramunicipalidade da Planta de Refugallos e informará aos veciños do seu dereito a alegar

20100702-capa

Na reunión de onte (1 de xullo) o Consello da Xunta do PP ven de aprobar, tarde, mal e obrigado polas circunstancias, a declaración de supramunicipalidade da Planta de tratamento de refugallos da construción e demolición na comarca da Limia, pechando o círculo da complicidade coas outras dúas administracións implicadas: Deputación Provincial e Concello de Xinzo. Deste xeito o señor Feijóo avala, cun verniz de legalidade, unha actuación totalmente caciquil do Sr. Baltar executada de espaldas aos cidadáns de Xinzo coa colaboración do propio Concello, que desde o primeiro momento fixo deixación absoluta das súas responsabilidades e estivo máis preocupado de aplacar aos veciños e convencelos das “bondades” da instalación que de escoitalos e defender os seus dereitos agredidos.

O anuncio desta declaración inicial arranca un proceso viciado de orixe, porque a planta xa se está a construír, no que os veciños aínda deberán ser escoitados xa que, tanto a Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galiza coma o Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal son moi claros na tramitación requerida e, agora ábrense os prazos legais nos que desde o BNG animaremos aos veciños para que aleguen e, cando menos, quede constancia do seu rexeitamento.

Unha vez máis rexeitamos a afirmación de que o emprazamento foi elixido con “criterios técnicos” xa que só hai que ver a localización para darse conta de que é caprichosa e responde a intereses inconfesábeis do propio PP: lonxe das principais vías de comunicación, só accesíbel por unha estrada provincial de pésimo firme que atravesa varios núcleos urbanos e no alto dun monte que obriga a facer un grande movemento de terras provocando un impacto ambiental infinitamente máis grande do que pretende solucionar.

No BNG lamentamos que Antonio Pérez Rodríguez, actual Concelleiro de Medio Ambiente e posíbel candidato “popular” nas vindeiras eleccións, estree a súa recén adquirida condición enganando ás veciñas e veciños de Morgade, desoíndo as advertencias do noso Grupo e actuando ás ordes de escuros intereses alleos en lugar de defender os dereitos lexítimos dos cidadáns aos que aspira a solicitarlle o voto.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
20 de Junho de 2010

Audio do Pleno de 14.06.2010

Audio íntegro do Pleno dos orzamentos, celebrado o pasado 14 de xunho.

Os que non tivestes a oportunidade de asistir podedes escoitar agora de primeira man o que alí aconteceu e tirar as vosas propias conclusións.

2:30
9:40
26:40
37:10
39:20
42:00
46:20
48:10
52:10
54:25
72:00
92:45
O Alcalde explica os orzamentos.
Primeira intervención de Amador.
Primeira réplica do Alcalde.
A concelleira Yolanda Díaz intervén “por alusiones”.
O Tenente de Alcalde, Daniel Blanco, tamén intervén por alusións.
Segunda intervención de Amador.
Dous compañeiros do BNG aplauden a Amador e son expulsados do pleno.
Interrupción da concelleira Yolanda Díaz na intervención de Elvira Lama e chamada ao orde.
O concelleiro Antonio Pérez intervén por alusións.
Segunda réplica do Alcalde e votación.
Moción de urxencia do BNG para aplicación redución 15% dietas, debate e rexeitamento.
Rogos e preguntas de Amador.
15 de Junho de 2010

O BNG denuncia a descomposición do goberno do PP reflectida nos orzamentos de 2010

20100615-capa

Sobre un total de 6.270.000€, a gastos de persoal adícanse 3.906.561€ acadando un novo record xa que se levan o 62,31% do orzamento. Esta partida medrou en 1,7M€ desde o 2005, é dicir, case 30 puntos porcentuais. Pola contra, para investimentos resérvase unha cantidade ridícula de tan só 421.000€, o 6,72%, se nos gastos de persoal tocamos teito aquí tocamos fondo, e deste gasto miserento en obras recibimos 32.100€ da Deputación, que tanto axuda aos concellos, e 0,00€ da Xunta. Xa nin se molestan en disimular. O Alcalde, Isaac Vila, anunciou moreas de cartos que ten negociados e apalabrados coa propia Xunta, máis foron simplemente anuncios, propaganda, que xa veremos se se concreta en algo.

Ademais, temos que atender un “Plan de Saneamento” pola mala xestión do Sr. Vila e do seu grupo de goberno e temos unha débeda cos bancos próxima aos catro millóns de euros, sen que os veciños saiban moi ben en que se leva gastado tanto diñeiro. Aumentan os ingresos por impostos directos, indirectos e taxas. Desde que Isaac Vila retomou o control deste concello incrementou, coa colaboración dos seus concelleiros, a presión fiscal sobre os veciños de xeito que este ano prevé recadar por estes tres conceptos 3.700.000€, é dicir, 1.350.000€ máis ca no 2005. Este é o balance resumido da súa xestión: aumento da recadación para poder pagar os soldos dos traballadores e que empresas privadas fagan lucrativos negocios a costa dos petos das veciñas e dos veciños.

Xinzo non merece este desgoberno, división, descoordinación, falla de acordos. DESPILFARRO SIN CONTROL. Os concelleiros en vez de traballar con eficacia e apurando ao máximo os custes andan á greña a plena luz do día. Xinzo non merece o lamentábel espectáculo que está dando o PP cun concelleiro, que non quere ninguén, descompondo o goberno e por extensión a estabilidade de Xinzo. Rúas urbanas convertidas en pistas forestais, o Parque do Toural nunha situación lamentábel, as piscinas sen rematar igual que fai 30 anos, o rural desatendido e desaparecido, a vila sucia e as brigadas municipais sen medios, descoordinadas e infravaloradas mentres unha empresa privada cobra máis de 40mil€/ano para manter os parques, a taxa de saneamento e depuración máis cara de Galiza, a Deputación desfacendo un monte, ilegalmente, sen licenza, sen informes de impacto, pisoteando os dereitos dos veciños por unha subvención multimillonaria.

O PP, coma decote, aproba un orzamento sen fin, sen obxectivo, sen acción política, sen unha misión clara para Xinzo a non ser a de cadrar unhas contas que ben podía facelo unha xestoría. E só cadrando contas non se fai unha vila, só cadrando contas non se levanta un pobo e máis nos tempos que corren, só cadrando contas nunca se porá a Xinzo como capital real da Comarca da Limia. Un líder verdadeiro nunca aprobaría un orzamento cunha inversión real inferior ao 7%, e isto é o que hoxe máis que nunca precisa Xinzo, un novo líder que non lle minta á xente e non estea disposto a comerciar á baixa co futuro e dignidade do seu pobo.

O PP rexeita unha moción do BNG para rebaixar as dietas

Neste pleno tamén presentamos unha moción de urxencia instando ao Alcalde a aplicar as recomendacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en canto á redución dos importes recibidos por adicacións exclusivas, asistencias a órganos corporativos e dietas.

No BNG propoñiamos aplicar a redución máxima dun 15% que, sin representar un aforro considerable, nin ser unha panacea para a situación das arcas municipais, si ofrecía unha mensaxe de solidariedade en tempos de crise. O PP demostrou, unha vez máis, que non está pola laboura de ver mermados os ingresos dos seus representantes institucionais e logo de aceptar a urxencia a moción foi debatida e finalmente rexeitada pola maioría de votos dos ‘populares’ de Xinzo.

Páxinas: 1 2 3 4 5 6 7 8 ...23 24 25 Seguinte

bng
2003-2010, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | info@bng-xinzo.org

Cretos e recoñecementos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

136 queries - 5,287 segundos | Powered by WordPress