25 de xullo, Día da Patria Galega. Manifestación en Santiago de Compostela. FAI VALER A TÚA FORZA!!!

bng.xinzodalimia

2 de Setembro de 2010

O BNG esixe urxentemente á Xunta de Galiza máis dotación de persoal para a Galescola de Xinzo

20100902-capa

Onte, mércores 1 de setembro, comezou o curso escolar na rede de Galescolas dependentes da Consellaría de Educación da Xunta de Galiza. Este inicio de curso está marcado na Galescola de Xinzo pola alarmante carencia de persoal ao coidado dos cativos e das cativas. Esta carencia fai que os ratios coidador/neno sexan excesivamente elevados xa que hai grupos nos que dous coidadores deben atender a máis de vinte cativos e varios bebés. Deixando a un lado outros posíbeis problemas que este feito poida provocar resulta evidente que a calidade do servizo verase notabelmente afectada xa que as coidadoras e coidadores, por máis empeño e adicación que lle poñan, non serán quen de ofrecer a atención personalizada que os cativos de entre 0 e 3 anos requiren.

Esta carencia está a provocar a inquietude nos pais e nais do noso concello, moitos dos cales fixeron chegar as súas inquedanzas á Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG de Xinzo, por isto, o noso Grupo ven de presentar un escrito no Concello dirixido ao Alcalde para poñelo ao tanto desta situación e instándoo a que se dirixa urxentemente á Consellaría de Educación solicitando o reforzo inmediato da dotación de persoal na Galescola de Xinzo.

Para o BNG resulta intolerábel que o Conselleiro do PP despilfarre irresponsabelmente millóns de euros das galegas e dos galegos en campañas de propaganda coa intención de atacar ao idioma propio e non destine estes recursos á súa verdadeira finalidade, neste caso dotar convenientemente a rede pública de Galescolas para que estas ofrezan o servizo de calidade para o que foron pensadas polo anterior goberno da Xunta.

Referencias:

30 de Julho de 2010

O BNG de Xinzo alerta da posíbel perda de máis de dous millóns de euros en axudas polo temporal debido á neglixencia do Goberno do PP no Concello

20100730-capa

A Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG de Xinzo ven de recibir múltiples queixas e reclamacións relativas todas elas ás presuntas e gravísimas irregularidades detectadas na redacción dos informes técnicos realizados polo Concello de Xinzo no que atinxe á comprobación, certificación e valoración dos danos causados polo temporal ‘Xynthia’, que non se corresponden en absoluto coa realidade reflectida polos titulares das explotacións, e ao absentismo total na inspección técnica in-situ.

A día de hoxe a subsanación destas irregularidades e desaxustes pode incidir negativamente na tramitación dos expedientes en tempo e forma e, no peor dos casos, enfrontármonos á posibilidade de que finalmente estes graves erros poidan provocar a perda definitiva da meirande parte das axudas solicitadas polos afectados do noso Concello.

Para o BNG estamos diante dun tema grave que esixía máxima prioridade, especial adicación e interese por parte dos responsábeis municipais ao afectar ás economías das nosas veciñas e veciños, por isto, vimos de presentar un escrito no Rexistro do Concello solicitando toda a información sobre este asunto. Así mesmo, dirixirémonos á Subdelegación do Goberno para que medie diante do Ministerio de Medio Ambiente e se habiliten prazos para que os procedementos administrativos do Xynthia sen informe municipal de danos poidan ser subsanados e completados.

No mesmo escrito esiximos que o Concelleiro do Medio Rural, Antonio Pérez Rodríguez, dea as explicacións oportunas e responda politicamente diante da súa neglixente falla de dilixencia e rigor neste caso, o que pode supor a perda de máis de 2 millóns de euros en axudas polo temporal para o agro da Limia. No BNG lamentamos que as tribulacións e liortas internas do posíbel candidato “popular” nas vindeiras eleccións non lle deixen tempo libre para adicarlle ás súas responsabilidades no actual goberno e que as consecuencias da súa inoperancia as paguen, coma sempre, os cidadáns do noso Concello.

Referencias:

15 de Junho de 2010

O BNG denuncia a descomposición do goberno do PP reflectida nos orzamentos de 2010

20100615-capa

Sobre un total de 6.270.000€, a gastos de persoal adícanse 3.906.561€ acadando un novo record xa que se levan o 62,31% do orzamento. Esta partida medrou en 1,7M€ desde o 2005, é dicir, case 30 puntos porcentuais. Pola contra, para investimentos resérvase unha cantidade ridícula de tan só 421.000€, o 6,72%, se nos gastos de persoal tocamos teito aquí tocamos fondo, e deste gasto miserento en obras recibimos 32.100€ da Deputación, que tanto axuda aos concellos, e 0,00€ da Xunta. Xa nin se molestan en disimular. O Alcalde, Isaac Vila, anunciou moreas de cartos que ten negociados e apalabrados coa propia Xunta, máis foron simplemente anuncios, propaganda, que xa veremos se se concreta en algo.

Ademais, temos que atender un “Plan de Saneamento” pola mala xestión do Sr. Vila e do seu grupo de goberno e temos unha débeda cos bancos próxima aos catro millóns de euros, sen que os veciños saiban moi ben en que se leva gastado tanto diñeiro. Aumentan os ingresos por impostos directos, indirectos e taxas. Desde que Isaac Vila retomou o control deste concello incrementou, coa colaboración dos seus concelleiros, a presión fiscal sobre os veciños de xeito que este ano prevé recadar por estes tres conceptos 3.700.000€, é dicir, 1.350.000€ máis ca no 2005. Este é o balance resumido da súa xestión: aumento da recadación para poder pagar os soldos dos traballadores e que empresas privadas fagan lucrativos negocios a costa dos petos das veciñas e dos veciños.

Xinzo non merece este desgoberno, división, descoordinación, falla de acordos. DESPILFARRO SIN CONTROL. Os concelleiros en vez de traballar con eficacia e apurando ao máximo os custes andan á greña a plena luz do día. Xinzo non merece o lamentábel espectáculo que está dando o PP cun concelleiro, que non quere ninguén, descompondo o goberno e por extensión a estabilidade de Xinzo. Rúas urbanas convertidas en pistas forestais, o Parque do Toural nunha situación lamentábel, as piscinas sen rematar igual que fai 30 anos, o rural desatendido e desaparecido, a vila sucia e as brigadas municipais sen medios, descoordinadas e infravaloradas mentres unha empresa privada cobra máis de 40mil€/ano para manter os parques, a taxa de saneamento e depuración máis cara de Galiza, a Deputación desfacendo un monte, ilegalmente, sen licenza, sen informes de impacto, pisoteando os dereitos dos veciños por unha subvención multimillonaria.

O PP, coma decote, aproba un orzamento sen fin, sen obxectivo, sen acción política, sen unha misión clara para Xinzo a non ser a de cadrar unhas contas que ben podía facelo unha xestoría. E só cadrando contas non se fai unha vila, só cadrando contas non se levanta un pobo e máis nos tempos que corren, só cadrando contas nunca se porá a Xinzo como capital real da Comarca da Limia. Un líder verdadeiro nunca aprobaría un orzamento cunha inversión real inferior ao 7%, e isto é o que hoxe máis que nunca precisa Xinzo, un novo líder que non lle minta á xente e non estea disposto a comerciar á baixa co futuro e dignidade do seu pobo.

O PP rexeita unha moción do BNG para rebaixar as dietas

Neste pleno tamén presentamos unha moción de urxencia instando ao Alcalde a aplicar as recomendacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en canto á redución dos importes recibidos por adicacións exclusivas, asistencias a órganos corporativos e dietas.

No BNG propoñiamos aplicar a redución máxima dun 15% que, sin representar un aforro considerable, nin ser unha panacea para a situación das arcas municipais, si ofrecía unha mensaxe de solidariedade en tempos de crise. O PP demostrou, unha vez máis, que non está pola laboura de ver mermados os ingresos dos seus representantes institucionais e logo de aceptar a urxencia a moción foi debatida e finalmente rexeitada pola maioría de votos dos ‘populares’ de Xinzo.

4 de Junho de 2010

O BNG solicita a paralización inmediata das obras da Planta de refugallos e que os culpábeis da desfeita asuman as súas responsabilidades políticas

20100604-capa

Nos pasados días confirmáronse en todos os seus extremos as sospeitas que viñamos denunciando desde hai un mes ao respeito da Planta de tratamento de refugallos da construción e demolición na comarca da Limia, promovida pola Deputación Provincial e financiada (651 mil euros) mediante axudas da Unión Europea, xa que finalmente a propia Deputación recoñece que esta obra é totalmente ilegal: non se solicitou licenza ao Concello e non se realizou ningún dos trámites que prevé o Decreto 80/2000, da Xunta de Galiza, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. O anuncio de que xa hai un informe favorábel parécenos unha burla máis que unha xustificación xa que o citado decreto é moi claro e taxativo na tramitación requerida e o feito de pasalo por alto deixa aos veciños na máis absoluta indefensión ao non poder alegar nada en tempo e forma.

Rexeitamos a afirmación de que o emprazamento foi elixido con “criterios unicamente técnicos” xa que só hai que ver a localización para darse conta de que non foi escollida por ningún técnico: lonxe das principais vías de comunicación, só accesíbel por unha estrada provincial de pésimo firme e sinuoso trazado que, ademais, atravesa varios núcleos urbanos e no alto dun monte que obriga a facer un grande movemento de terras para acondicionar o solar, provocando un impacto ambiental que deixa en papel mollado o anuncio de rexeneración da zona xa que estamos falando dunha concesión a quince anos, por non entrar a analizar a máis que discutíbel viabilidade económico-financeira de todo o proxecto.

En vista de todas estas irregularidades o BNG solicitou a paralización inmediata das obras e a reposición dos terreos ao seu estado anterior, e que os responsábeis da desfeita por acción: Sr. Baltar, e por omisión: Sr. Vila, Alcalde de Xinzo e Sr. Pérez, Concelleiro de Medio Ambiente, asuman as responsabilidades políticas oportunas, que deberían comezar pola dimisión ou cese inmediato do citado Concelleiro, porque en todo este tempo desoíu as advertencias continuas lanzadas polo BNG e, sendo deputado provincial, non amosou o menor interese nin se preocupou de defender aos veciños afectados, converténdose nunha simple correa de transmisión das ordes que lle viñan desde arriba.

Finalmente denunciar que o Sr. Baltar non ten reparos en aplicar a “doutrina Feijóo” que afirma que “o importante son os cartos”, aínda que se malgasten en obras inútiles, saltándose olimpicamente a lexislación vixente e pisoteando os dereitos dos cidadáns.

Referencias:

29 de Maio de 2010

O BNG ve indicios de ilegalidade na obra da Planta de tratamento de refugallos da construción e demolición na comarca da Limia

20100529-capa

En decembro de 2009 era adxudicada a obra da Planta de tratamento de refugallos da construción e demolición na comarca da Limia, no marco do “Proxecto Arraiano”, promovida pola Deputación Provincial de Ourense e financiada (651 mil euros) mediante axudas Feder-Eixe 5 da Comunidade Europea. A día de hoxe esta planta estase a construír nun monte nas inmediacións do pobo de Morgade co rexeitamento activo da veciñanza, nunha ubicación totalmente inadecuada e cun impacto ambiental enorme.

O pasado 12 de abril presentabamos un escrito solicitando acceso ao expediente municipal da citada obra, obtendo resultado negativo xa que no Concello non se tramitou ningunha licencia nin existía coñecemento sobre a actuación que ía ser executada. Como xustificación explicóusenos que a obra era supramunicipal e que non precisaba licencia. A declaración de supramunicipalidade, regulada polo Decreto 80/2000, da Xunta de Galiza, esixe uns trámites moi precisos que neste caso non se deron.

No Pleno ordinario do 29 de abril presentamos unha moción de urxencia solicitando a paralización cautelar e a convocatoria da Comisión Informativa de Medio Ambiente para analizar a súa situación legal e toda a tramitación administrativa. Logo do preceptivo debate era rexeitada polo Sr. Alcalde a paralización e aceptada a convocatoria da comisión para dar conta dos pormenores do proxecto.

Pasado un mes aínda non se reuniu a citada Comisión Informativa e neste tempo novos indicios nos levan a pensar na total ilegalidade das actuacións en curso polo que vimos de rexistrar un novo escrito no Concello solicitando a convocatoria urxente da comisión para que os Técnicos municipais e os responsábeis políticos do Grupo de Goberno respondan a unha relación específica de cuestións referentes a este proxecto.

Advertimos unha deixación de funcións flagrante tanto no Alcalde, Isaac Vila, como no concelleiro responsábel en materia de Medio Ambiente, Antonio Pérez Rodríguez, que se preocupan máis de xustificar as actuacións de Baltar (pai) que de defender os intereses dos veciños de Xinzo. En todo caso no BNG reservámonos tomar as iniciativas legais oportunas no caso de que, finalmente, se confirmen as nosas sospeitas.

Referencias:

1 de Março de 2010

O BNG solicita a declaración da Comarca da Limia como Zona Catastrófica

20100301-capa

Fotos no flickr

Dada a crítica situación xerada trala caída de prezos da pataca que ven arrastrando da pasada campaña a Comarca da Limia, agravada ao longo do presente inverno polas intensas chuvias e anegamentos continuados das explotacións provocando asemade a total inviabilización da pasada e futura sementeira do cereal, e isto sumado á virulencia coa que o recente temporal “Xynthia” incidiu sobre o marcado carácter agrícola da Limia, incluídas colleitas, parcelas, almacéns, explotacións agrícolas e gandeiras, peches e infraestruturas, chegando mesmo a derrubar inmóbeis e inutilizar a rede de pistas, o BNG de Xinzo da Limia a través do seu Concelleiro Portavoz Amador Díaz Penín pide a inmediata celebración dun Pleno Extraordinario URXENTE para que o Concello solicite que A Limia sexa declarada Zona Catastrófica tanto pola Xunta de Galiza como polo Goberno Central.

Así mesmo, solicitarase a creación dun censo de damnificados para cuantificar perdas e estimar axudas pertinentes, e dado o carácter urxente e de situación de emerxencia desta moción, tamén se recomendará que non sexan xeradas as dietas correspondentes a celebración deste Pleno.

Referencias:

17 de Dezembro de 2009

O Pleno aproba unha moción do BNG para potenciar o Comercio local de cara ás datas do Nadal

No pleno ordinario de hoxe aprobáronse sendas mocións do BNG nas que se propoñían ao Concello accións inmediatas de cara a este Nadal que axuden a potenciar as vendas do noso comercio e de apoio a Aminatou Haidar. O BNG solicitou do grupo de goberno tres medidas: dúas horas de gratuidade no aparcamento da Praza de Carlos Casares a quen merque nalgún establecemento de Xinzo, unha campaña convidando a facer as compras na localidade e un especial coidado dos operarios do Concello e da Policía Local para facilitar e facer máis agradábel a estancia dos visitantes na nosa vila. Somos conscientes de que son medidas cativas, paliativas dunha situación de deterioro que ven de longo, e que a verdadeira solución viría da man de accións estruturais de máis calado como as que leva propoñendo o BNG nos últimos anos: potenciación do tecido asociativo dos comerciantes, humanización da vila, criación dunha marca de calidade identificada con Xinzo asociada a un Centro Comercial Aberto, eliminación do tráfico pesado do núcleo do pobo mediante a circunvalación, posta en marcha dun sistema de transporte comarcal, etc.

Outra das nosas mocións, que quedou pendente para tratar nunha comisión informativa ordinaria, propoñía aplicar a baixada do IPC de setembro de 2009 (-1%) ás taxas de abastecemento, saneamento e depuración que se revisan anualmente conforme a este índice. Do mesmo xeito que cando subía o IPC repercutía na tarifa do servizo, agora que baixa consideramos de xustiza lle sexa trasladado este descenso ás veciñas e veciños en forma de baixada das taxas correspondentes.

Xa dentro dos puntos da orde do día o PP aprobou en solitario o recoñecemento dunha débeda de 166.000 euros, que lle reclama a concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento ao Concello polo téorico desfase de ingresos no primeiro e segundo trimestres de 2009 como consecuencia da non entrada en vigor das tarifas aprobadas o ano pasado. Para nós resulta incomprensíbel que se recoñeza esta suposta débeda sen un estudo que a contraste por parte dos técnicos municipais, co informe en contra da Interventora e co único aval dunha relación de facturas e partes de traballo presentadas pola propia concesionaria. Logo de hipotecar a xestión municipal nesta materia para os vindeiros coarenta anos o alcalde, Isaac Vila, non ten ningún escrúpulo en seguir xogando co diñeiro de todos alegremente e co único aval que lle da dispoñer da maioría absoluta.

Outro ditame, aprobado por unanimidade, reclama da Xunta a suspensión do polémico Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a ZEPA da Limia, mentres non se garanta a compatibilidade coas prácticas agrarias actuais. A mesma ZEPA que foi imposta por Feijóo, sen consenso nen negociación, logo de ter prometido en campaña o contrario.

Relacionadas:

27 de Agosto de 2009

Pleno ordinario 27.08.2009

Hoxe, quinta-feira (xoves), día 27, ás 18:00h, celebrase o Pleno ordinario de agosto do Concello de Xinzo segundo a orde do día que acompañamos (ver pdf adxunto).

Como puntos máis salientabeis a tratar destacamos:
* 5. Regulamento do servizo de verteduras á rede de sumidoiros do Concello.
* 7. Moción do BNG relativa á aplicación efectiva da Ordenanza de Boas Prácticas Veciñais e Seguranza Cidadá.

Outra das incógnitas que se despexarán no pleno é o posíbel apoio do PP á moción presentada polo grupo socialista sobre a petición á Xunta da continuidade no modelo de gratuidade dos libros de texto.

 Arquivado em: Ao día, Axenda, Grupo Municipal
Páxinas: 1 2 3 4 5 6 7 Seguinte

bng
2003-2010, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | info@bng-xinzo.org

Cretos e recoñecementos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

136 queries - 2,752 segundos | Powered by WordPress