25 de xullo, Día da Patria Galega. Manifestación en Santiago de Compostela. FAI VALER A TÚA FORZA!!!

bng.xinzodalimia

31 de Julho de 2007

Galiza Nova rexorde na Limia para espertar a conciencia e a ilusión das mozas e mozos limiaos

20070723-foto-gzn-xinzo.jpg

O acto constitutivo tivo lugar o pasado luns 23 de xullo, na sede local do BNG, coa presenza do responsábel comarcal de GZN, Jonatan Rivas, do responsábel local do BNG, Manuel Conde e das/os demáis compañeiras/os militantes. Neste intre dotouse de funcionamento asemblear de seu, dentro da pertenza á Asemblea Comarcal de A Limia-Allariz-Maceda, e saíu eleita como responsábel local de GZN-Xinzo a compañeira Alba Mª Feixóo, quen xa nas pasadas eleccións municipais concorreu no posto número cinco da candidatura do BNG ao Concello.

A Asemblea local de Galiza Nova rexorde co férreo compromiso e a firme determinación de se converter en aparello vertebrador da conciencia e ilusión nacionalista de toda a mocidade dos Concellos da Limia e ponse ao dispor de todas as mozas e mozos limiaos, con arelas e a seguranza de representar unha válida e potente ferramenta de traballo e de transformación do intolerábel panorama sociopolítico da Limia.

Con este obxectivo abre as portas da organización referencial do nacionalismo xuvenil mediante a levanza dunha campaña de estabelecemento de contactos e afiliacións. Paralelamente xa se está a deseñar un substancioso calendario político de actividades que comezarán neste mesmo mes de agosto.

 Arquivado em: En destaque
27 de Julho de 2007

O BNG reclama información e coñecer as intencións do Concello tras o achádego dun arco de pedra soterrado na Praza de Carlos Casares

arco-pedra-prz-carlos-casares.jpg

Hoxe tivemos coñecemento de que nas obras de excavación que se están a levar a carón da Casa do Concello para a construción do aparcadoiro soterrado, atopouse un arco de pedra que foi inmediatamente desmontado polos operarios da empresa concesionaria da obra e os seus restos desapareceron da zona. Diante da preocupación que este asunto despertou no noso grupo diriximos un escrito ao señor alcalde interesándonos polas xestións realizadas e reclamando información contrastada acerca da posible importancia deste achádego.

Referencias:

 Arquivado em: Ao día, En destaque
22 de Julho de 2007

Manifesto “Ensino en Galego”

TEXTO ÍNTEGRO DO MANIFESTO

Ensino en Galego

O sistema educativo non garantiu, até o de agora, nin tan sequera que o alumnado puidese finalizar o ensino obrigatorio cunha competencia comunicativa en galego igual á conseguida en castelán, a pesar de que ese é legalmente un dos obxectivos da escolarización. Aínda é máis grave o feito, sinalado unanimente por todos os estudos oficiais, de que a escola incide no abandono do galego por parte de moitos nenos e nenas.

A pesar dos esforzos de moitos pais e nais, profesoras e profesores, estudantes, persoal administrativo e da sociedade en xeral, non se conseguiu introducir un proxecto global de aprendizaxe na lingua propia do noso país: o galego. En calquera sociedade do mundo resultaría cando menos paradoxal que a institución escolar cumprise un papel pouco favorábel ao desenvolvemento da súa propia lingua.

A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1997), a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (2001) e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004), representan tres grandes acordos para avanzar na normalización lingüística que se subscribiron no último decenio por unanimidade nos diversos foros de representación democrática. Acordos que, porén, non conseguiron acadar os obxectivos previstos, ao non se facer efectiva durante todo este tempo a súa aplicación. Lembremos a ese respecto o contundente informe aprobado en 2005 polo Comité de Ministros do Consello de Europa, no que recordaba que o sistema educativo galego non estaba á altura dos compromisos de normalización lingüística adquiridos a nivel internacional polo Estado español.

As persoas e entidades que apoiamos este manifesto consideramos que a aplicación do decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, debe significar un punto de inflexión nesta dinámica. Porque sabemos que, avanzando no proceso de normalización, o ensino gañará en calidade, en proximidade e mesmo en logros académicos, ao afortalar as destrezas lingüísticas do alumnado.

Facemos un chamamento ao conxunto da comunidade educativa para que este novo decreto sexa cumprido plenamente no curso 2007/08, e á Administración educativa para que garanta ese cumprimento, pondo para iso todos os medios humanos e económicos que foren precisos. Singularmente, demandámoslle á Administración educativa a dotación do profesorado necesario, plans ambiciosos de formación do profesorado e do persoal administrativo, unha actitude próxima e dilixente da inspección de ensino e campañas de sensibilización dirixidas a desterrar os prexuízos existentes sobre a presenza escolar do galego.

O galego é un patrimonio común e un elemento de unión de todas as galegas e de todos os galegos. A todas e todos beneficia e a ninguén prexudica que poidamos vivir e aprender no noso idioma.

Organizacións que subscriben o manifesto
- A Mesa pola Normalización Lingüística.
- AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega).
- CAE (Comités Abertos de Estudantes).
- CC.OO.-Ensino (Comisións Obreiras).
- CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega).
- CONFAPA (Confederación Galega de APAs de centros públicos).
- FERE-CECA (Federación Española de Relixiosos de Ensino – Centros Católicos).
- FETE-UXT (Federación de Traballadores do Ensino – Unión Xeral de Traballadores).
- FSIE (Federación de Sindicatos Independentes do Ensino).
- Mocidade pola Normalización Lingüística.
- Nais e Pais polo Ensino en Galego.
- NEG (Nova Escola Galega).
- Sindicato de Estudiantes.
- STEG (Sindicato de Traballadoras/es do Ensino de Galiza).

No BNG de Xinzo subscribimos na súa integridade o texto deste manifesto e reclamamos do Goberno da Xunta de Galiza a aplicación decidida do decreto 124/2007 como paso cara a normalización do noso idioma.

 Arquivado em: En destaque
20 de Julho de 2007

Reformar a Lei Electoral?!

Estes días anda pregonando o líder circunstancial da dereita española que é unha prioridade reformar a Lei Electoral e que como tal el levará esta proposta no seu “programa electoral” (sic). Pois parécemos moi ben (mentres non sexa obrigatorio por lei votar pp ;) ), mais, ao mellor, o señor Mariano non coñece estas cifras resultado das Eleccións Xerais do 2004:

Siglas Votos Escanos
PSOE 43,27% 46,86%
PP 38,31% 42,28%
CiU 3,28% 2,86%
ERC 2,56% 2,29%
PNV 1,65% 2,00%
IU 4,56% 1,43%
CC 0,92% 0,86%
BNG 0,82% 0,57%
EA 0,32% 0,29%
CHA 0,37% 0,29%
NA-BAI 0,24% 0,29%
PA 0.70% 0,00%

Pódese comprobar que o beneficiario máis direto do actual sistema é casualmente o PP, que se atopa sobre-representado no Congreso en 4 puntos porcentuais.

Por certo, aplicando a mesma regla proporcional ao caso do concello de Xinzo nas recentes Eleccións Municipais do 2007 teriamos o seguinte reparto de concelleiros:

Siglas Votos Concelleiros
PP 48,45% 6
PSG-PSOE 27,79% 4
BNG 19,24% 3
ADEI-O 2,14% 0

Máis unha vez o PP sae beneficiado pola aplicación da Lei d’Hont. En resumo, a polémica suscitada polo líder conservador é interesada e circunstancial. Cando a lei nos favorece non dicimos nada e cando non se adapta aos nosos intereses entón cambiámola e listo.

Á dereita española éncheselle a boca coas palabras “democracia” e “constitución”; máis non dubidan en facer propostas antidemocráticas e inconstitucionais con tal de acaparar poder, agochar o seu aislamento e suplir a incapacidade para chegar a acordos con naide.

En calquera caso hai que estar tranquilos, isto non deixa de ser un brindis ao sol e unha ocurrencia máis de Mariano sin ningunha traza de chegar a nada concreto.

 Arquivado em: En destaque
17 de Julho de 2007

O BNG rexeita a adicación exclusiva da Concelleira de Deportes e Xuventude e denuncia o feito de que as candidaturas do PP non lle saen gratis aos veciños de Xinzo

No pleno do día 16 de xuño o grupo de goberno do PP aprobou a adicación exclusiva total para Xiana Carrera, concelleira de Deportes e Xuventude. As razóns aducidas para xustificar esta adicación son o presunto interese por “dotar dun novo pulo” a esta área. En primeiro lugar queremos deixar claro que no BNG non estamos en contra, por definición, das adicacións exclusivas, todo o contrario, pensamos que un concello das dimensións do de Xinzo precisa dunha dirección política permanente na figura do seu alcalde ou incluso dalgún outro concelleiro do grupo de goberno; mais, neste caso, temos que dicir que nos parece totalmente arbitraria e inxustificada. A área de deportes e xuventude ocupaba un lugar secundario no programa electoral co que os populares se apresentaron ás eleccións do 2007 e non recollía ningunha medida inédita con respecto ao que xa nos ofreceran no 2003, así que, en todo caso, este repentino interés polos deportes e a xuventude é demasiado recente como para resultar crible.

A realidade que se agocha detrás desta fachada formal constitúe un capítulo máis da ben coñecida política de D. Isaac Vila de pago de favores á costa do orzamento municipal xa que Xiana Carrera é a única integrante do equipo de goberno que non conta neste intre con ningunha outra actividade remunerada. O custo anual que terá que soportar o concello por esta adicación achégase aos 33.500€, dende o grupo de goberno aseguran que este gasto será compensado polo feito de que a nova concelleira realizará funcións de monitora deportiva e, de feito, figuraba no número 3 da lista de contratación para este posto no período 2006-07. Para nós isto, lonxe de ser un atenuante, representa un feito totalmente escandaloso. Con este precedente dende o PP veñen de incorporar unha nova forma de acceder á función pública no Concello de Xinzo, aos coñecidos concursos-oposición e á inclusión nas listas temporais de contratación podemos engadir unha nova vía: apresentarse en postos de saída nas candidaturas electorais do PP.

Referencias:

 Arquivado em: Sala de imprensa
15 de Julho de 2007

Quen estexa libre de pecado que tire a primeira pedra

Despois de ler esta noticia seguro que os mandamases da Conferencia Episcopal Española estarán xa no Vaticano pedindo que roden cabezas, bueno, no tempo libre que lles deixe a súa cruzada contra a democracia e os valores cívicos. Aínda que, ben pensado, Rouco, Cañizares e compaña non son os máis indicados para reprochar nada despois da indemnización á que foron condenados polo caso que tentaron agochar na Diócesis madrileña. Como dixo Xesús: quen estexa libre de pecado que tire a primeira pedra.

Por certo, saberán desto Paco Vázquez… e a COPE?

Indemnización récord para las víctimas de abusos sexuales de curas de Los Ángeles
La archidiócesis de la ciudad pagará casi un millón de euros a cada una de las 500 personas sufrieron las vejaciones
REUTERS - Los Ángeles – 15/07/2007
La archidiócesis de Los Ángeles ha acordado pagar 660 millones de dólares (478 millones de euros) a 500 víctimas de abusos sexuales por parte de sacerdotes en casos que se remontan a los años cuarenta del siglo XX. Se trata del mayor acuerdo de indemnización por este tipo de hechos, según han declarado los abogados de los demandantes.

Ler a noticia completa en elpais.com

 Arquivado em: En destaque
13 de Julho de 2007

luns, 16 de xullo: Pleno extraordinario

Luns, 16 de xullo ás 10:00h no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Orde do día:

  • Aderirse ao Convenio marco de colaboración entre o Ministerio do Interior e o FEMP  sobre seguridade viaria e cidadá.
  • Aprobación das contas dos exercicios do 2003, 2004 e 2005.
  • Renovación creto 420 mil euros.
  • Adicación exclusiva da Concelleira de Deportes e da Mocidade.
  • Adxudicación da concesión do aparcamento soterrado.
 Arquivado em: Axenda
10 de Julho de 2007

O video que tentou censurar o PP

A desfachatez, descaro e desvergonza da cúpula dirixente do partido da dereita ultra-nacionalista española son de todos ben coñecidas, así coma o xiro cara a extrema dereita que deu nos últimos anos, mais con todo, no tema do terrorismo a súa actitude supera todos os límites e amosa ben ás claras a catadura moral e ética destes individuos. Para proba só hai que ollar este video que demostra a doble moral duns caraduras para os que todo vale con tal de recuperar o poder.

 Arquivado em: Multimedia
Páxinas: 1 2 Seguinte

bng
2003-2010, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | info@bng-xinzo.org

Cretos e recoñecementos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

136 queries - 2,294 segundos | Powered by WordPress