No pleno ordinario celebrado onte aprobouse por unanimidade de todos os grupos municipais a nosa moción para a recuperación e posta en valor de Patrimonio Arqueolóxico de Xinzo. Agradecemos sinceiramente a PP e PSdeG-PSOE o seu apoio á nosa proposta no convencemento de que será positiva e beneficiosa para todos os veciños e veciñas de Xinzo.Nas vindeiras semanas quedará constituída a Comisión Especial formada por representantes dos grupos políticos, asociacións culturais, técnicos, etc. co encargo de propoñer accións concretas que permitan coñecer, conservar e aproveitar o rico patrimonio agochado baixo os nosos pés.
Referencias:

En vista da desinformación existente e tras constatar o aproveitamento interesado que o PP está a facer da proposta de declaración por parte da Consellería de Medio Ambiente de 10,383Ha na comarca da Limia como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), dende o BNG de Xinzo de Limia queremos aclarar os seguintes puntos:
- O antecedente inmediato desta declaración podémolo situar no ano 98 cando se realiza un estudo (IBA 008 - A Limia) por parte dunha entidade privada (SEO/BirdLife) que non é supervisado nin contrastado pola Administración Autonómica do Partido Popular. Este é o estudo que agora serve de base para a definición da ZEPA – A Limia.
- O BNG ten unha historia demostrable e ben coñecida de moitos anos na defensa dos agricultores e gandeiros, particularmente na comarca da Limia, e así vai seguir sendo no futuro, polo cal non imos admitir leccións neste eido dun recén chegado a esta defensa como é o PP, que cando tivo ocasión de levar á práctica o seu compromiso co sector e apostar polo seu futuro non o fixo e agora se move por un interese puramente partidista.
- Como consecuencia do dito no punto anterior podemos afirmar que o BNG se constitúe como o garante do futuro da nosa comarca e dos seus principais sectores produtivos e así o ven demostrando dende o goberno da Xunta a través da Consellería do Medio Rural con actuacións concretas xa en marcha: aposta pola modernización das explotacións, axudas para a incorporación de xoves agricultores, impulso dos plans de Regadío,… e con proxectos de futuro como o Banco de Terras que está a piques de ser presentado.
- Dende o BNG de Xinzo consideramos que o proxecto de declaración da ZEPA, tal e como está plantexado na actualidade, debe ser retirado e redeseñado dende o principio contando coa colaboración e consenso de tódolos sectores implicados e xustificando todas e cada unha das actuacións e decisións con criterios técnicos obxectivos avalados mediante informes científicos independentes e contrastables.
- Defendemos que ecoloxía e agricultura non deben estar enfrontadas e apostamos por un desenvolvemento sostible e respectuoso co Medio Natural. Neste senso o propio proxecto de decreto recoñece textualmente: “A comarca da Limia, que outrora se configuraba como un humidal sobresaliente cunha gran diversidade de aves acuáticas, na actualidade –e incluso no momento de elaborar o Inventario IBA 98- presenta un alto carácter agrícola, o que se traduce na presenza dunha comunidade de aves vinculada aos terreos e actividades agrícolas”, do cal se deduce que defender a agricultura e aos agricultores é defender tamén ás aves e pensamos que a convivencia de ambos é posible como, de feito, se demostra xa na actualidade.

Despois de varios días sin saber onde fóran parar as pedras do arco de medio punto desenterrado na Praza de Carlos Casares demos co seu paradoiro nun solar situado ás aforas da vila. Están todas xuntas agardando o ditame dos técnicos de patrimonio que serán os que digan se teñen ou non valor arqueolóxico.
De calquera xeito, e con independenza desta valoración, xa podemos adiantar que a forma de actuar do Concello presidido polo Sr. Vila non foi nada exemplificante neste asunto. Cando aínda está sobre a mesa o caso dos achádegos no solar da Rúa X.C.Romero Nieto e cunha moción, presentada polo noso grupo, pendente de debate o Concello actuou irresponsablemente, vulnerando as normas urbanísticas (Art. 142. Hallazgos no previsibles), a Lei de Patrimonio Histórico (Art. 44 da Lei 16/85) e en contra da lóxica máis elemental.
A día de hoxe siguen sen resposta as cuestións urxentes que lle plantexamos ao Sr. Alcalde no escrito presentado o día 27 de xullo, algo que agardabamos pois debe resultar moi difícil tentar dar unha explicación medianamente crible a un feito tan escandaloso e abraiante coma éste.
Referencias: