O BNG solicita a integración de Xinzo no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

En decembro do ano 2004 aprobouse co apoio de todos os grupos municipais do Concello de Xinzo, unha moción urxente do Bloque Nacionalista Galego para destinar unha partida orzamentaria a axudar ás vítimas do maremoto no suleste asiático. Nos anos 2005, 2006 e previsiblemente 2007 o goberno municipal do PP deixou esta partida, que ronda os 3.000€ anuais, pendente de aplicación, por isto pensamos que é o momento de dar outro paso e solicitar a inclusión do noso concello no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O Fondo é unha asociación de carácter municipalista creada en 1997 que agrupa hoxendía a preto dun cento de concellos e tres deputacións provinciais unidos pola preocupación de levar adiante iniciativas de cooperación e solidariedade cos países menos desenvolvidos. A obxectivo é ir máis alá da urxencia que se xenera diante de calamidades, catástrofes ou guerras, e abordar tamén programas estábeis e permanentes dirixidos ao desenvolvemento estrutural dos países que precisan desa axuda e apoio internacional.
Asemade, consideramos que no seu momento a aprobación do 0,07% do orzamento anual supuxo un fito destacable para o noso Concello, mais deberiamos esforzarnos por continuar avanzando neste camiño e achegarnos ao porcentaxe do 0,7% recomendado polas Nacións Unidas.
Referencias:
- Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: www.igadi.org/fondogalego




