A protesta e o “plante” dos feirantes son unha consecuencia lóxica da política escurantista e alonxada da rúa de Isaac Vila e do Partido Popular
No día de hoxe, co plante e protesta dos feirantes diante do Concello, tivemos a ocasión de vivir unha consecuencia directa do xeito de gobernar do alcalde Isaac Vila e do PP.
- A taxa que provocou a protesta é a de “Ocupación de terreos de uso público con postos de venda, barracas, espectáculos e outros análogos” que na “Tarifa C: Postos asignados na feira quincenal” pasou de 0,90 a 2,00€/m2·día, o cal representa unha suba dun 122%.
- No 2006 o Concello ingresou por esta taxa 38mil euros que, coa aplicación da nova tarifa, aumentarán previsíbelmente a máis de 80mil neste ano. Globalmente a suba de taxas e impostos suporá un incremento nos ingresos municipais duns 300mil euros anuais, o cal servirá para financiar a errática e caótica política de contratacións de Isaac Vila, mais non repercutirá na mellora apreciable da cantidade nin da calidade dos servizos prestados aos veciños.
- O BNG xa denunciou no mes de outubro o xeito en que foron aprobadas estas subas de taxas e impostos: sen un estudo serio, sen información aos veciños e sen contar coa oposición.
- Hoxe explotou o tema dos feirantes, mais a medida que os veciños e veciñas de Xinzo comecen a padecer outras subas (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, Matrículas do Conservatorio e da Escola de Gaitas, Axuda no Fogar, etc.) e sexan conscientes do incremento da presión fiscal impulsada polo PP, o malestar e as protestas estenderanse a outros colectivos.





