25 de xullo, Día da Patria Galega. Manifestación en Santiago de Compostela. FAI VALER A TÚA FORZA!!!

bng.xinzodalimia

25 de Abril de 2008

O BNG rexeita a moción do PP contra as Normas do Hábitat

O BNG de Xinzo lamenta a irresponsábel actuación promovida polo Partido Popular coa presentación dunha moción polo trámite de urxencia no Pleno celebrado o pasado xoves 24 onde se solicitaba a Derrogación do actual Decreto das Normas do Hábitat Galego.

Desde o BNG de Xinzo acláraselle ao PP que a Lei do Hábitat Galego fíxose pública mediante Decreto do 20 Decembro 2007, tras dous anos de redacción. Trátase dunha norma onde se prima a humanización e a habitabilidade fronte á especulación e o urbanismo agresivo en colmea. É unha iniciativa europeísta con forte implantación na meirande parte dos países da Unión Europea (incluído Portugal) polo que, desde o BNG de Xinzo denunciamos a demagóxica, irresponsábel e falta de sensibilidade postura do medo e do atraso do noso Goberno Municipal nunha cuestión onde, si algo se prioriza, é a procura dunha maior calidade de vida e servizos para a cidadanía, cousa que dende logo o PP de Xinzo parece non ter coma obxectivo.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
24 de Abril de 2008

O BNG presenta polo trámite de urxencia unha moción para solicitar a estación ITV permanente para Xinzo

Neste intre estase a plantexar por parte da empresa adxudicataria da concesión do servizo de ITV a posibilidade da criación na provincia dunha nova estación permanente que se engadiría ás actualmente existentes. No Bloque Nacionalista Galego estamos convencidos (e así o recollemos como proposta nos nosos programas de goberno das dúas últimas citas electorais municipais) de que, se nalgunha zona está sobradamente xustificado e é absolutamente imprescindible este servizo é no noso concello, polos evidentes beneficios que reportaría aos agricultores, e a todos os veciños en xeral, da nosa comarca e doutras limítrofes como a Baixa Limia ou Celanova.

Isto levounos no Pleno ordinario do día de hoxe, a propor ao Pleno a aprobación dunha moción solicitando á Consellería de Innovación e Industria a instalación dunha estación ITV permanente en Xinzo. Agradecemos o apoio do resto de grupos municipais que se sumaron á nosa proposta que, deste xeito, foi aprobada por unanimidade.

 Arquivado em: Grupo Municipal, Mocións
23 de Abril de 2008

O BNG denuncia que o grupo de goberno asígnase un “soldo fixo camuflado” nos orzamentos do 2008

No Pleno de mañá xoves o Alcalde, Isaac Vila, e o grupo de goberno do PP pretenden aprobar un incremento nas retribucións para altos cargos que pasarían de 90€ a 150€ (300€ no caso do Tenente de Alcalde) por asistencia a órgano colexiado (xuntas, comisións e plenos). Isto, na práctica, supón a asignación dun “soldo mensual encuberto” para os concelleiros que integran a Xunta de Goberno Local. Segundo os noso cálculos, baseados no número de reunións que se celebran mensualmente, suporá para os veciños e veciñas de Xinzo un desembolso mensual de 3.750€, dos cales 1.500€ corresponderán ao Tenente de Alcalde e 750€ a cada un do resto de concelleiros integrantes da Xunta de Goberno. A estas cuantías hai que sumar as asistencias a Comisións Informativas, Plenos e Xuntas de Portavoces que poden supoñer uns 200€ mensuais adicionais de media.

Nota: Na comunicación orixinal que se distribuiu por email figuraba que o anterior importe que se cobraba por asistencia a órgano corporativo era de 60€ cando en realidade son 90€. Lamentamos e pedimos disculpas por este erro que xa foi corrixido no documento que acompaña a esta entrada.

Referencias:

9 de Abril de 2008

O BNG reclama do alcalde solucións ás deficiencias na depuración de augas residuais en Parada de Ribeira

20080409-depuradora-parada.jpg

Fotos no flickr

O BNG de Xinzo considera incríbel e irresponsábel que se invistan os recursos dos cidadáns en construír infraestruturas ás que logo non se lle tira partido e quedan abandonadas ata que as queixas dos veciños ou un momento de lucidez dalgún responsable municipal as rescatan do esquecemento.

Este é o caso da depuradora de Parada de Ribeira que denunciaba hai uns días a asociación de veciños ‘Muíño da Lama’. Despois de dous anos da súa instalación aínda non está operativa a día de hoxe, dándose ademais a circunstancia agravante de que a fosa séptica existente fai moitos meses que rebasou a súa capacidade, verquendo residuos que provocan o asolagamento e contaminación dos camiños e regatos circundantes co risco que isto conleva para a saúde dos veciños. Estes feitos foron postos en coñecemento dos responsábeis do Concello no verán do 2007 sen que tomaran ningunha medida encamiñada a corrixir esta grave situación medioambiental.

Dende o BNG reclamamos do Alcalde e do Concelleiro de Medio Ambiente que non falen de ‘oídas’, deixen de ‘pasarse a pelota’ entre eles e adopten solucións inmediatas para este problema. Animamos ao señor Vila a que patee o concello a pé de rúa e faga unha avaliación da calidade dos servizos básicos aos que, se supón, teñen dereito as veciñas e veciños a estas alturas do século XXI.

Referencias:

2 de Abril de 2008

O BNG solicita ao alcalde que solucione o problema coa empresa responsable do ascensor para minusválidos do Colexio Rosalía de Castro

No día de hoxe tivemos coñecemento de que o servizo de ascensor para minusválidos do Colexio Rosalía de Castro de Xinzo corre risco de desaparecer xa que o Concello, que é o encargado de sufragar os gastos de mantemento anual do mesmo, leva sen aboar as cuotas correspondentes do contrato coa empresa responsable (Zardoya Otis, S.A.) todo o ano 2007 e o que vai de 2008. A empresa xa comunicou desde a súa central en Madrid que, se o Concello non se pon ao día nos pagos pendentes, deixarán de atender ao seu mantemento e terán que dar traslado a Industria para que proceda a precintar o aparato.

No Consello Escolar existe inquietude e dirixíronse ao Concello ao respecto, xa que deste ascensor se benefician varios alumnos minusválidos, e tamén aqueles que teñen algunha lesión, co cal o feito de suprimilo impediríalles, ou no mellor dos casos dificultaríalles, asistir ás clases.

Descoñecemos se se trata dun simple problema administrativo ou é que a pésima situación económica do Concello tocou fondo e xa non se poden nin atender os servizos máis básicos. En calquera caso dende o BNG de Xinzo amosamos a nosa preocupación pola situación e emprazamos ao noso rexedor, Isaac Vila, a que solucione o problema o máis axiña posible para que as nenas e nenos non sufran as consecuencias.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
1 de Abril de 2008

Convocatoria da Asemblea Local

O vindeiro venres, 4 de abril ás 20:30h, celebraremos no local de Xinzo unha asemblea cos seguintes temas na orde do día:

  • Elección do novo Responsable Local.
  • Organización do Grupo Local.
  • Varios.

Agardamos poder contar coa máxima asistencia posible de militantes e simpatizantes.

 Arquivado em: Axenda

bng
2003-2010, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | info@bng-xinzo.org

Cretos e recoñecementos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

132 queries - 2,223 segundos | Powered by WordPress