O BNG reclama o inicio inmediato das obras de construción das rotondas previstas na N-525 ao paso pola vila
En setembro de 2006 o daquelas senador do BNG, Francisco Jorquera, presentaba unha moción no Senado solicitándolle ao Goberno Central a construción dunha circunvalación ao núcleo de Xinzo e dunha rotonda no cruce da N-525 co enlace de acceso á A-52. Froito desta iniciativa o pasado 13 de outubro de 2007 o Ministerio de Fomento licitaba as obras de mellora da urbanización e da seguridade viaria da Travesía de Xinzo de Limia, do p.q.199+000 ao 200+400 da N-525. Estas obras inclúen a substitución das interseccións da N-525 co vieiro de acceso á Autovía A-52 e coa Avenida de Celanova (OU-531) por sendas glorietas con isletas centrais. Hai aproximadamente dous meses anunciábase o inminente comezo destes traballos sen que, ata o de agora, se teñan concretado en nada máis que unhas marcas sobre o pavimento. Tendo en conta o longo tempo que levamos demandando estas infraestruturas, polas evidentes melloras que aportarían ao tráfico de vehículos e á seguridade na nosa vila, coidamos que é obriga do Concello preocuparse pola súa execución no prazo máis breve posíbel.
Referencias:
- La Voz de Galicia (13-09-2008): Críticas ao ano de atraso nas rotondas da N-525 en Xinzo




