En data 5 de febreiro de 2009 rexistramos no Concello unha alegación ao acordo plenario de 18/12/2008, mediante o cal se aprobaron as novas taxas por verquidos ás redes de sumidorios e depuración de augas residuais, establecendo unhas subas do 125% para os pobos do rural e do 25% para a vila, coa finalidade de propiciar un novo debate ao respecto e mesmo forzar e darlle outra oportunidade ao grupo de goberno do Partido Popular co alcalde, Isaac Vila, á cabeza, a fin de que poida rectificar unha decisión abusiva contra a veciñanza do noso Concello.
Debemos deixar claro que a postura deste grupo é a de que os servizos a prestar polos entes municipais, neste e noutros ámbitos, deben ser de calidade e levar aparelladas unhas taxas acordes cos mesmos, mais opómonos radicalmente a que, por culpa dunha mala xestión do Alcalde e do seu equipo de goberno, se incrementen indiscriminadamente e en porcentaxes descomunais, mesmo nunha época de crise como a que atravesamos.
Tamén nos opomos frontalmente ao que dende o Concello se pretende facer pasar como una “ampliación do contrato” á actual concesionaria que, lembramos, estará vixente ata o ano 2046, posto que tal decisión hipoteca calquera marxe de manobra do Concello en materia de xestión de auga e alcantarillado durante un período de tempo excesivamente longo, sen que nos convenzan para nada as contraprestacións recibidas a cambio. O BNG opúxose ao acordo plenario desta ampliación, por ser a orixe das novas taxas de Saneamento e Depuración que entendemos pouco xustificadas, alonxadas da realidade do mercado, xa que non son froito dunha concorrencia competitiva, e abusivas para a veciñanza como así o consideran os veciños e veciñas de Xinzo que apoian a nosa posición, tal e como o demostran as máis de 1.800 sinaturas recollidas no último mes.
As subas previstas non só son abusivas para a maioría das economías da xente de Xinzo, son ilegais, tanto a nivel tarifario como no tocante á ampliación do contrato. Polo que se refire as tarifas son ilegais por carecer dun estudo económico rigoroso que fundamente as novas taxas e, a prórroga do contrato con Aquagest non é legal por non cumprir a normativa contractual vixente. Procede pois, un estudo económico viable, serio, rigoroso que sirva de base a unhas tarifas racionais e procede tamén analizar a posibilidade de rescindir o contrato vixente coa xestora do servizo, despois dunha auditoría sobre o acaido cumprimento do contrato actual.
Para o BNG non hai máis opción que a convocatoria dun novo concurso público para a adxudicación destes servizos, pois consideramos que é tecnicamente viábel e contamos con estudos, elaborados polos nosos técnicos, que nos indican que suporía un considerable aforro (estimado nun 30%) xa que a avaliación económica que fundamenta a proposta do Alcalde do PP non conta con ningún informe independente que a respalde, é o resultado dunha sobrevaloración de custos e está convenientemente amañada para:
- Subir as taxas de alcantarillado excesivamente.
- Xustificar unha modificación do contrato con Aquagest, en vigor ata o ano 2046, sen necesidade de cumprir a normativa vixente.
- Avalar unha “compensación” prevista de 1,5 millóns de euros en obras que non é crible, pois carece dun proxecto rigoroso elaborado por un técnico neutral que desglose as medicións, rezos de unidades de obra, partidas acaidas, definición dos lugares do investimento, etc. e carece tamén dun plan de prazos de execución e das garantías necesarias ao respecto.
Por todos estes motivos o Grupo Municipal do BNG esixe:
- A anulación do acordo plenario de 18 de decembro de 2008 polo que se modifica o obxecto do contrato de xestión vixente con Aquagest.
- A anulación de todas as obrigas adquiridas polo Concello como consecuencia desta modificación contractual, nomeadamente, a anulación parcial das modificacións introducidas na ordenanza fiscal nº7, Reguladora da taxa pola prestación dos servizos de sumidoiros e de tratamento e depuración de augas residuais.
- Unha auditoría sobre o grado de cumprimento pola empresa concesionaria do contrato vixente.
- Un estudo económico serio e riguroso que estableza unhas novas tarifas por saneamento e depuración e un plan plurianual para a súa entrada en vigor progresiva.
- Un novo concurso público, libre e aberto á concorrencia, para a adxudicación do servizo de saneamento e depuración.
Referencias: