25 de xullo, Día da Patria Galega. Manifestación en Santiago de Compostela. FAI VALER A TÚA FORZA!!!

bng.xinzodalimia

22 de Maio de 2009

O Concello de Xinzo “celebra” o Día Mundial da Biodiversidade coa tala indiscriminada dunha árbore senlleira

20090522-capa

O Grupo Local do BNG de Xinzo denuncia que no Día Mundial da Biodiversidade (22 de maio) o Grupo de Goberno do PP no Concello de Xinzo permitiu a tala indiscriminada dunha especie senlleira e moi singular. A árbore estaba situada por fóra do arcén da estrada Xinzo-Bande, á altura do cruce que delimita a área das Piscinas Municipais, e non ocasionaba ningún tipo de problema, nin circulatorio nin peonil, polo que resultan incomprensíbeis as causas e motivacións que derivaron no seu exterminio. Trátase, sen dúbida, da tala irracional dun exemplar de álamo común (Populus Deltoides) de dimensións considerábeis cunha torada de diámetro de 100cm e altura de 15m, especie presente en todo o entorno do Río Limia.

Para o Grupo Local do BNG este tipo de feito non ten cualificativo e demostra a ilegalidade na que levan instaladas 30 anos as políticas medioambientais do PP municipal, xa que por dúas bandas:

  1. Incumpre obsesivamente a normativa específica do PXOM relativa a protección de toda especie arbórea de máis de 25 anos (este álamo pasaba dos 50).
  2. Actúa co mesmo “modus operandi” de sempre, con moitísima rapidez e sen capacidade de reacción para frear a desfeita. A tala prodúxose onte e hoxe, ás 8:30 da mañá, xa estaba todo limpo.

Por todo ilo, na vindeira semana o BNG presentará un escrito no Concello solicitando información sobre a tramitación do permiso municipal á empresa ou institución que levou a cabo a desfeita e reclamando responsabilidades directas e explicación do alcalde. Ao mesmo tempo, denunciamos a política de desfeita medioambiental reiterada do goberno do PP (lembrar os arrincados de tullas no mesmo entorno en 2007) e facemos un chamamento ao resto dos grupos da oposición e á cidadanía en xeral para que non queden de brazos cruzados e non toleren este tipo de actuacións totalmente anormais e fóra do sentido común.

Relacionadas:

Referencias:

12 de Maio de 2009

Valoración da moción presentada polo PSdeG ao Pleno do Concello de Xinzo da Limia con motivo do Día das Letras Galegas 2009 adicado a Ramón Piñeiro

En data 7 de maio de 2009 o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Xinzo rexistra con número de entrada 2528 unha moción con motivo do Día das Letras Galegas. Esta moción foi debatida no pleno extraordinario do día 12 de maio e aprobada por unanimidade.

A pesares de termos votado a favor, na nosa quenda de intervención realizamos unha serie de puntualizacións (ver documento adxunto) aos termos expresados na exposición de motivos da citada moción.

Presupoñendo a boa intención do Grupo Socialista e a pesares de discrepar da literalidade do texto presentado, sempre estaremos ao lado das iniciativas que defendan a nosa lingua.

 Arquivado em: Grupo Municipal, Mocións
1 de Maio de 2009

O Alcalde esgota a derradeira oportunidade para corrixir a desfeita do canon de saneamento

20090501-cartaz

As declaracións feitas a bombo e platillo durante a pasada campaña electoral polo noso Alcalde, Isaac Vila, anunciando que baixaría o canon de Saneamento e Depuración “se o PP gañaba as eleccións, xa que así a Xunta financiaría as obras que motivaron esa nova taxa” publicamente reiteradas despois da cita coas urnas, vanse quedar, como tantas outras promesas do noso rexedor ao longo da súa dilatada vida política, en palabras que leva o vento.

No pleno deste xoves, 30 de abril, foi rexeitada pola maioría do PP a alegación que presentara o Bloque Nacionalista Galego á ordenanza que estableceu estas tarifas en decembro pasado, co cal se esvaecerá a derradeira oportunidade para corrixir esta desfeita e as veciñas e veciños de Xinzo comezarán a sentir os efectos da suba nos seus vindeiros recibos nun 27% para os cidadáns da vila e en máis dun 120% para os do rural. En conxunto a concesionaria, Aquagest, ten garantidos uns ingresos mínimos anuais de máis de 900 mil euros durante os 30 anos que durará o contrato.

O Partido Popular co alcalde, Isaac Vila, á fronte, demostrando un total desapego polos intereses municipais e facendo oídos xordos ás máis de dúas mil sinaturas recollidas polo noso grupo, van facer que a xestión do servizo de mantemento das depuradoras e da rede de sumidoiros, xunto coa rede de abastecemento, estean en mans dunha única empresa privada, hipotecando a xestión de todas as vindeiras corporacións e asegurando á concesionaria un volume de facturación garantido de máis de 34 millóns de euros de hoxe, que terán que saír dos petos de todos os veciños e veciñas de Xinzo. Todo isto mediante unha ampliación de contrato de dubidosa legalidade, sen un estudo rigoroso e sen abrir a posibilidade de que outras empresas fixeran ofertas máis competitivas.

Esgotada a opción da alegación no BNG non descartamos de momento ningunha outra medida e seguiremos a traballar para que o alcalde cumpra a súa promesa de rebaixar as tarifas, rebaixa que como xa anunciamos no seu momento tampouco vai poder ser moi significativa (máximo 1,21€/mes) xa que a consolidación da adxudicación a Aquagest nas condicións actuais limita gravemente as posibilidades de intervención do Concello.

Relacionadas:

Referencias:

bng
2003-2010, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | info@bng-xinzo.org

Cretos e recoñecementos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

126 queries - 2,208 segundos | Powered by WordPress