Diante da “enquisa trampa” presentada polo PP, inaceptábel quer na forma quer no fondo, e coa que non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán que terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino, desde o BNG de Xinzo da Limia imos desenrolar unha campaña activa convidando aos pais e nais a marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria). A mesma desenrolarase segundo o seguinte programa:
- Concentración e reparto de trípticos, con lectura dun manifesto e textos de autores galegos, o sábado, 13 de xuño, ás 19:00h, na Praza de San Roque de Xinzo.
- Reparto de trípticos informativos nos centros de ensino de Xinzo, o luns, 15 de xuño.
Referencias:

O venres 5 de Xuño, a Xunta de Galiza presentou a enquisa que se vai remitir ás familias dos 350.000 alumnos e alumnas escolarizados en Galiza nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e que, en teoría, ten como propósito inquirir a pais e nais sobre en que lingua prefiren que lles sexa impartido o ensino aos seus fillos e fillas.
Estudado o contido desta enquisa e analizadas as motivacións que levan ao Goberno galego a elaborala, o BNG ten que facer as seguintes valoracións:
- Estamos perante unha auténtica “consulta trampa”, inaceptábel quer na forma quer no fondo. Con ela non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino.
- A consulta, que é de carácter voluntario, carece da menor fiabilidade, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que será a Administración, controlada politicamente polo Partido Popular, quen custodie todo o proceso de recolla dos datos.
- Coa enquisa vaise criar unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega, innecesaria porque, sexa cal for o resultado do inquérito, o Goberno xa ten anunciado que vai derrogar o decreto nun sentido claramente contrario ao uso da lingua galega no ensino.
- Tal e como están enunciadas as preguntas da consulta, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. Isto significa que coa enquisa os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar.
- O mesmo Goberno que fai proclamas populistas e demagóxicas en favor da austeridade e o control do gasto público vai dilapidar 200.000 euros na realización desta “consulta trampa”.
- Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.
- Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás que expresamos a continuación:
- Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
- Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.
- Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.
Ligazóns:

Desde a posta en marcha da nosa Oficina de Apoio ao Cidadán, no BNG de Xinzo temos rexistrado diversas queixas referidas ao deficiente estado de conservación de algunhas rúas, tanto da propia vila como de núcleos do rural, que presentan zonas de asfalto levantadas, materiais desprendidos e múltiples socavóns que dificultan o seu uso por vehículos e peóns. Mesmo nos consta que estas anomalías teñen provocado avarías de importancia en algúns automóbeis que están levando aos seus propietarios e interpoñer reclamacións de indemnizacións diante do Concello por cantidades importantes.
Tendo en conta que moitos destes desperfectos son de escasa entidade e poden ser solventados sinxelamente empregando os medios propios do Concello, o Grupo Municipal do BNG ven de solicitar, a medio de escrito dirixido ao Alcalde, o inmediato arranxo de todas estas carencias co obxecto de garantir a total seguridade das seguintes vías públicas: Avd. Río Limia (tramo entre Dous de Maio e Estrada de Baltar), Rúa Río Arnoia (enfronte do Multicentro), Rúa Río Sil, Praza de San Roque (na continuación da Rúa Blanco Amor), Rúa Alexandre Bóveda, Pista da Armada (xunto ao Pavillón e en varios puntos do seu trazado), Pista dos Castros, Rúas do Polígono Industrial, núcleos de Piñeira Seca, Paredes, Rebordechá, Fiestras e Morgade.
A pasividade e desleixa demostradas historicamente polo Goberno do PP no referente ao coidado das rúas e prazas é ben coñecida polas veciñas e veciños de Xinzo, que están afeitos a convivir acotío aturando incomodidades das que se libra o noso Alcalde, Isaac Vila, quen ao residir fóra do noso concello non ten que soportalas, por isto, recomendámoslle que se baixe do coche e faga un pequeno percorrido polo pobo para constatar de primeira man o lamentábel estado de moitas delas.
Referencias:

Fotos no flickr
A construción das beirarrúas no pobo de Laroá ven sendo reclamada por todos os veciños e veciñas dese núcleo dende hai longo tempo. O alcalde, Isaac Vila, ten comprometido a súa realización en innumerábeis ocasións e xa en xuño de 2005 anunciaba, con grande despregue mediático, a sinatura dun convenio entre o Concello e a Xunta de Galiza para a súa execución. Desgraciadamente a día de hoxe seguen sen materializarse e resulta unha incógnita o destino dos fondos daquel convenio de hai catro anos. Hai uns días o propio Sr. Vila mantivo unha reunión co actual inquilino de Monte Pío na cal lle trasladou o seu interese por certas obras para o noso concello por un importe global de 12 millóns de euros, entre as cales se atopa esta actuación en concreto. O Sr. Feijoo amosouse receptivo ás demandas e agardamos que estes investimentos se concreten en vindeiras datas e non aconteza como coa promesa electoral de rebaixar as taxas de saneamento e depuración que hoxe está “en fase de estudo”.
Para o BNG, a demora dunha década na execución desta infraestrutura non ten cualificativo nin xustificación algunha en canto á desidia e ao desamparo institucional que conleva, o que está a supor unha degradación patente na calidade de vida e do benestar, así como no referido á latente inseguridade vial que supón para os veciños e veciñas de Laroá a situación actual dunha travesía que parte en dous ao núcleo urbano sen os accesos e acondicionamento axeitados.
Conscientes desta realidade no Grupo Local do BNG de Xinzo lanzamos nas pasadas semanas unha campaña de recollida de sinaturas entre os veciños e veciñas de Laroá que tivo unha resposta inmediata e unánime. É por isto que, no día de hoxe, vimos de rexistrar unha moción no Concello reclamando que se atendan as demandas dos veciños e se inclúa nos Orzamentos de 2009 (aínda sen aprobar) unha partida para a execución das beirarrúas e urbanización da estrada OU-304 ao paso polo núcleo de Laroá (quilómetros 6-7), dotando a esta travesía das melloras necesarias no que atinxe a seguridade vial así como a culminación da rede de abastecemento e saneamento afectada e a humanización global con bancos, farolas e mobiliario urbano, co compromiso de sacar a concurso a adxudicación inmediata desta obra para que estea rematada e operativa no ano 2010 como data límite.
Referencias:

Fotos no flickr
A Pista dos Castros, no tramo comprendido entre os cruces da N525 e da estrada ‘A Devesa’ da vila de Xinzo, amosa un lamentable estado de conservación no seu firme que se ven deteriorando desde hai xa meses ata resultar pouco menos que intransitábel a día de hoxe. Os socavóns e materiais desprendidos teñen unhas dimensións considerábeis e obrigan aos vehículos a arrodealos a baixa velocidade coas incomodidades e ata inseguridade que isto acarrea para os que a utilizan acotío, por isto, no día de hoxe presentamos un escrito solicitando se tomen medidas urxentes para repoñer esta vía pública a un estado axeitado que permita o seu uso con comodidade e seguridade.