O BNG reclama compromiso do Concello para a construción da Circunvalación sur á vila de Xinzo

Neste tema o BNG celebra a rectificación do alcalde de Xinzo, Isaac Vila, ao respeito da nosa proposta do ano 2006 sobre a necesidade dun proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo que eliminase a tráfico pesado do centro da vila. Non deixa de resultar sorprendente e paradoxal, mais en calquera caso revelador do papel que xogan moitos parlamentarios galegos nas Cortes estatais, o feito de que o Sr. Vila, naquela altura senador polo Partido Popular, non soubera moi ben o que estaba rexeitando co seu voto en contra da moción que o BNG presentou na Cámara Alta. O mínimo esixíbel a un representante da soberanía popular sería un pouco de seriedade e adicación no desempeño da súa laboura, máis aínda cando se está a dilucidar unha iniciativa para o propio concello no que exerces de Alcalde.
Con todo, para clarexar definitivamente as ideas do Sr. Vila, o BNG nunca propuxo un trazado para esta circunvalación, nós limitámonos a por enriba da mesa a súa necesidade e o primeiro paso era precisamente realizar un estudo do cal deberían saír alternativas de execución que logo serían analizadas e debatidas.
O feito de eliminarmos o tráfico pesado do corazón da vila permitiría avanzar na súa humanización e consolidación como núcleo comercial e de servizos. Xinzo debe subir un chanzo na súa vocación terciaria e isto pasa pola consecución dun entorno accesíbel para os vehículos, con boas vías de comunicación e zonas de aparcamento distribuídas na periferia, e dun centro urbano atractivo e agradábel pensado e deseñado para o uso e desfrute dos peóns. Levamos moito tempo perdido, Isaac Vila, á fronte dos seus sucesivos gobernos, que en 25 anos nunca tivo unha idea para o noso concello, ten agora unha oportunidade inmellorábel de comezar a traballar por Xinzo comprometéndose con este proxecto.
Polo norte: Estrada Xinzo-Vilar de Barrio
Diante de novas aparecidas hai poucos días nas que se nos anuncia un posíbel “asfaltado” desta pista agrícola, hoxe empregada acotío para a comunicación rodada cos pobos da zona norte do noso concello e cos concellos veciños de Sarreaus e Vilar de Barrio, desde o BNG de Xinzo coidamos que a intervención nesta vía debería ser moito máis ambiciosa e así o recollemos na moción presentada en decembro de 2008 (aprobada por unanimidade no Pleno de 18.12.2008) na que propuñamos a súa conversión en estrada autonómica con dous obxectivos fundamentais: artellar acaídamente a comunicación desta parte da comarca e solucionar a problemática dos numerosos cruces a nivel existentes no trazado para mellorar a seguridade viaria e eliminar puntos negros que se teñen cobrado a vida de moitas persoas.
Referencias:
- La Voz (28-07-2009): Os nacionalistas de Xinzo reclaman un compromiso firme sobre a circunvalación
- OurenseDixital (28-07-2009): El BNG pide un compromiso firme del Concello para la futura Circunvalación de Xinzo de Limia
- Radio Limia – Cadena SER (28-07-2009): El BNG celebra que el alcalde esté a favor de una circunvalación para Xinzo






