
Os anuncios do noso Alcalde, Isaac Vila, e da Xunta de Feijóo ao respeito da nova proposta de ZEPA que presentaron diante da UE provocaron a preocupación dos labregos da comarca alarmados pola posibilidade de que o seu medio de vida se vexa condicionado. Por isto, o BNG de Xinzo manifesta:
- Como ven sendo habitual, o Partido Popular mantén un discurso na oposición e outro diametralmente oposto cando chega a responsabilidades de goberno e este caso non ía ser unha excepción. Aínda lembramos na Limia a postura radical de oposición á ZEPA liderada polo PP. Esta hipocrisía confirma as nosas teses de entón cando afirmabamos que os “populares” se mobilizaban por un cálculo puramente partidista e que, o que menos lle importaban eran os intereses dos agricultores. O tempo ven a darnos a razón, agora é o propio PP o que, despois dunha maquillaxe, vai declarar a ZEPA axiña, correndo e sen contar para nada cos afectados.
- O BNG, pola contra, pode presumir de coherencia e de defendermos os mesmos plantexamentos dende o goberno e dende a oposición. É un feito empírico que mentres nós formabamos parte do Goberno da Xunta non se declarou ningunha ZEPA na Limia. Pola contra, dende a Consellaría do Medio Rural botamos a andar actuacións concretas apostando polo futuro do sector agrogandeiro: modernización das explotacións, axudas para a incorporación de xoves agricultores, impulso dos plans de Regadío, o Banco de Terras, o Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural, a declaración de Zona de Especial Interese Agrario, etc.
- Reclamamos que a posíbel declaración da ZEPA sexa consensuada previamente mediante o diálogo con todos os actores afectados. A nosa preocupación fundamental son os labregos e labregas da Limia e a continuidade e viabilidade das súas explotacións, e estamos en contra de mudar unha economía produtiva por outra subvencionada. Con este obxectivo non nos opoñemos a ningunha figura de protección medio-ambiental sempre que se garanta a anterior premisa, por iso esiximos coñecer o Plan de Xestión da ZEPA antes de que sexa aprobada.
- Estamos convencidos de que a actividade agrícola e a conservación do entorno son compatíbeis, por iso rexeitamos que poidan ser enfrontadas e apostamos por un desenvolvemento sostible e respectuoso co medio natural. Defender a agricultura e aos agricultores é defender tamén ás aves e a convivencia de ambos é posíbel, como de feito se demostra xa na actualidade.
Referencias:
Hoxe, quinta-feira (xoves), día 27, ás 18:00h, celebrase o Pleno ordinario de agosto do Concello de Xinzo segundo a orde do día que acompañamos (ver pdf adxunto).
Como puntos máis salientabeis a tratar destacamos:
* 5. Regulamento do servizo de verteduras á rede de sumidoiros do Concello.
* 7. Moción do BNG relativa á aplicación efectiva da Ordenanza de Boas Prácticas Veciñais e Seguranza Cidadá.
Outra das incógnitas que se despexarán no pleno é o posíbel apoio do PP á moción presentada polo grupo socialista sobre a petición á Xunta da continuidade no modelo de gratuidade dos libros de texto.
Xa está na rúa o número 2 do noso boletín BLOQUE dirixido a todos os veciños e veciñas do concello cos seguintes contidos:
- O BNG está a artellar unha alternativa ilusionante que olla con optimismo ao futuro de Xinzo
- O pesadelo dun concello máis verde
- A negativa á circunvalación sáelle cara ao sector e á xente de Xinzo
- Actualidade Grupo Municipal
- Entrevista Amador Díaz, Portavoz Municipal

En datas recentes, asociacións veciñais de Xinzo veñen de dirixirse á Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG para poñer no noso coñecemento o malestar orixinado pola diaria e continuada situación de desprotección e merma no benestar e na calidade de vida que están a padecer, co agravante do período estival, propiciados polo exceso de ruído nocturno, incumprimento reiterado do nivel de decibelios e horarios de peche permitidos aos bares e pubs das “zonas de marcha”, ademais dos improvisados e habituais botellóns e do vandalismo de intensidade severa que xeran estes entornos. Entendemos que, a día de hoxe, o noso Concello conta co amparo legal necesario para atallar esta problemática xa que, á normativa xeral existente ven de engadirse hai pouco tempo a “Ordenanza de boas prácticas veciñais e seguranza cidadá”.
A devandita ordenanza pon nas mans do Concello un instrumento para atallar as condutas incívicas denunciadas polos veciños, polo que non entendemos as evasivas que reciben por parte do goberno municipal eludindo reiterada e descaradamente a súa responsabilidade con argumentos peregrinos como “non temos constancia”, “non é nosa competencia” ou “reclamen vostedes na Subdelegación do Goberno”.
Non é intención do BNG criminalizar os hábitos de diversión da nosa xuventude, nin poñer innecesarios atrancos ao tecido empresarial relacionado co sector, mais coidamos que é preciso garantir a convivencia entre todos, en particular, o dereito ao descanso dos cidadáns, a limpeza dos espazos públicos e a erradicación de comportamentos incívicos. Neste senso o ponto de encontro debe atoparse necesariamente na regulamentación vixente, nomeadamente nas ordenanzas en vigor, por isto consideramos unha obriga e unha responsabilidade do Concello dar resposta aos problemas que se derivan da aglomeración e concentración de centos de persoas nas zonas de ocio nocturno da nosa vila.
Co obxectivo de axudar ao grupo de goberno “popular” nesta laboura, vimos de presentar unha Moción na que propoñemos diversas medidas preventivas (campañas de formación e educación, ofertas alternativas de ocio, etc.) e paliativas (reforzo ocasional das plantillas municipais da Policía Local e das Brigadas de Limpeza) encamiñadas a garantir a convivencia, compatibilizando o ocio nocturno da nosa mocidade cos dereitos do resto de veciñas e veciños. Estamos plenamente convencidos que do respecto mútuo sairemos todos beneficiados e contribuiremos a facer unha sociedade máis humana e solidaria.
Referencias:
Actualización (quinta-feira, 27 de agosto)
No Pleno ordinario do Concello celebrado hoxe aprobouse por unanimidade esta moción presentada polo BNG. Grazas ao resto dos grupos polo seu apoio e agora só resta que o Alcalde e o seu grupo de goberno poñan en práctica os acordos.
O Pleno convocouse baixo unha fórmula (extraordinario-urxente) que non consideramos acaida xa que non permite unha análise demorada dos asuntos a tratar. O BNG votou en contra da urxencia xa que esta viña xustificada por unha subvención da Consellaría da Presidencia que esixía ratificación plenaria. Esta petición de corrección de erros tivo entrada no Rexistro do Concello o día 4 de agosto, por tanto dende esa data había coñecemento por parte do Grupo de Goberno da “necesidade” de celebrar este pleno o cal daba marxe suficiente para convocalo en tempo e forma dándolle á oposición oportunidade de analizar os temas a debater. Non se convocaron as Comisións de rigor previas para trasladarnos a información necesaria e a documentación entregada aos Concelleiros estaba incompleta o que levou a que un dos temas a tratar (Rectificación do Plan de Saneamento económico-financeiro) tivera que ser retirado da orde do día e ficar pendente para outro pleno a celebrar a vindeira semana.
Indo ao tema da mencionada subvención, esta solicitouse para un “Programa de prevención e asistencia na violencia de xénero” e conta cun orzamento total de 1.200€, dos cales se lle piden á Xunta 800€. Nós coidamos que resulta moi cativa e pouco ambiciosa e agardemos que non marque a pauta de esixencia futura do Alcalde, Isaac Vila, co novo “goberno amigo” do señor Feijóo. En calquera caso, é moi definitorio do modelo de xestión do PP que se convoque un pleno que custa 2.000€ para non perder unha subvención de 800€.
Outro dos puntos incluídos na orde do día era o debate da alegación presentada polo PSdeG ao Orzamento do 2009, máis unha vez nos parece que roza o surrealismo que tiveran que pasar 7 meses! para a aprobación do propio orzamento (Pleno 17/07/2009) e agora en 1 día! tiveramos que resolver a alegación. A única xustificación que lle atopamos a isto é o desexo do Alcalde de pasar de puntillas sobre este tema e “quitarse o morto de enriba” o antes posíbel. Ao final a alegación foi INADMITIDA por un “defecto de forma” ao non estar incluída dentro das causas para alegar previstas pola lei, mais, ao noso criterio, a propia Interventora recoñécelle a “razón de fondo” ao remitirse ao seu propio informe do Orzamento no que indicaba que “aos efectos da Ley General Presupuestaria 18/2001, o orzamento incumpre os obxectivos de equilibrio ou superavit”, en consecuencia o noso grupo, que no seu día denunciou que o orzamento era irreal e chapuceiro, votou en contra da desestimación da alegación.
Referencias:
Mañá, sexta-feira (venres), 14 de agosto, ás 13:00h, celebraremos un Pleno extraordinario-urxente para debatir a orde do día que acompaña a este post (ver pdf adxunto). Ao respeito, dende o Grupo Municipal do BNG temos que facer as seguintes valoracións previas, que serán acrecentadas mañá unha vez celebrado o mesmo:
- O Pleno convócase baixo unha fórmula (extraordinario-urxente) que, á espera dos argumentos que se esgriman mañá, non consideramos axeitada xa que non permite unha análise demorada dos asuntos a tratar.
- Non se convocaron as Comisións de rigor previas para trasladarnos a información necesaria.
- A documentación entregada aos Concelleiros está incompleta e, nun dos temas a tratar, non nos permitirá definir unha postura ata chegado o propio Pleno.
- Entre os puntos incluidos na orde do día figura a desestimación da alegación presentada polo PSdeG ao Orzamento do 2009, o cal nos parece que roza o surrealismo xa que, tiveron que pasar 7 meses! para a aprobación do mesmo (Pleno 17/07/2009) e agora en 1 día preténdese resolver a alegación.
En calquera caso, por responsabilidade, acodiremos ao referido pleno e tentaremos defender da mellor maneira posíbel os intereses das veciñas e veciños de Xinzo.
Referencias:

O novo goberno da Xunta de Núñez Feijóo predica austeridade mentres o Presidente da Deputación, José Luis Baltar, coa complicidade do noso alcalde, Isaac Vila, se adica a dilapidar decenas de miles de euros en operacións de voto cautivo co formato clásico que mellor domina o PP: a paparota.
O pasado 28 de xullo asistimos na Limia á escenificación dunha das prácticas tradicionais da dereita caciquil no noso País que non dubida en tirar proveito particular das institucións de goberno da nosa Nación despilfarrando alegremente e sen tino os recursos que os cidadáns poñemos ao seu dispor cos nosos impostos. Logo de catro anos nos que estas prácticas tiñan pasado á historia, nese día asistimos á recuperación dun “modus operandi” no que son expertos os dirixentes do Partido Popular na nosa provincia, a comezar polo cabecilla, José Luis Baltar, seguido de outros elementos representativos na comarca como o noso alcalde, Isaac Vila.
Tirando do orzamento da Deputación, espremido ata a extenuación en gastos inútiles co único obxectivo de manter a estrutura caciquil terceiromundista que o PP ten despregada dende hai unha morea de anos por toda a nosa xeografía, e coa excusa da visita das delegacións estranxeiras no marco dunhas xornadas de formación sobre a pataca, organizouse unha merenda-festa de dimensións antolóxicas á que asistiron máis de 700 comensais que desfrutaron “gratis total” e ben acubillados baixo un toldo disposto ao efecto, das excelencias gastronómicas da nosa terra: polbo, carne ao caldeiro, bica, viño, licor-café, etc. servidas dilixentemente por unha recua de amábeis camareiros e amenizadas polos discursos dos “anfitrións” que, como aqueles outros do dito popular, “quedaron ben e non gastaron un peso”.
No canto de avanzar na dotación e consolidación da infraestrutura técnica aínda deficitaria para os produtores de pataca, como poden ser os sistemas de regadío proxectados polo anterior goberno autonómico, o novo goberno da Xunta adícase a dilapidar decenas de miles de euros en operacións de voto cautivo co formato clásico que mellor domina o PP: a paparota. Cando todas as administracións deberían camiñar cara o obxectivo de afortalezar ao sector como un piar básico e ben asoleirado da economía da Comarca e do País, novamente asistimos á representación do partidismo máis reseso e noxento, o que se exerce dende o ámbito institucional.
Referencias:

O pequeno Cruceiro de Paredes, que se atopa ubicado á entrada do pobo, presenta a día de hoxe un estado ruinoso, reducido a cascallo logo de ser derrubado polo impacto dun automóbil no verán do ano pasado.
Para o BNG resulta incríbel que, na mesma semana das festas patronais, e despois de máis dun ano do seu derrubo, este elemento do Patrimonio Cultural e Etnográfico do Concello continue nunha situación lamentábel de abandono sistemático e non fora obxecto de ningunha actuación conducente á súa rehabilitación e volta ao estado orixinal.
O desleixo que este tipo de actuacións deixa entrever na xestión municipal non pode ser xustificábel e unicamente se explica coa acostumada falla de interese, ilusión e compromiso coa cultura popular da Comarca da Limia que historicamente amosa o goberno municipal do PP.
É por todo elo que o BNG ven de rexistrar un escrito no Concello esixindo o seu inmediato arranxo ao tempo que demandamos responsabilidade, tanto ao Alcalde como ao Concelleiro de Cultura, na protección, conservación e posta en valor dos bens culturais do noso concello.
Referencias:
Actualización (segunda-feira, 10 de agosto):
O cruceiro xa está arranxado, tardaron un ano e precisaron un pouco de “axuda” mais ao final conquerímolo. Parabéns aos viciños de Paredes e boas festas!