25 de xullo, Día da Patria Galega. Manifestación en Santiago de Compostela. FAI VALER A TÚA FORZA!!!

bng.xinzodalimia

11 de Setembro de 2009

O BNG de Xinzo esíxelle ao PP que non impoña a ZEPA sen negociar e sen consultar antes aos limiaos

Para o BNG a pretensión do Partido Popular de declarar unha ZEPA na Limia pode traer máis prexuízos ca beneficios se non se fai pola vía do diálogo sosegado, contando coa aceptación e colaboración activa dos sectores directamente afectados e coa conivencia de toda a poboación en xeral. Non debemos esquecer que a finalidade última da “Directiva Aves” da Unión Europea é protexer aos paxaros, non declarar hectáreas sen máis, por iso alertabamos na moción presentada a semana pasada da importancia de coñecer a distribución xeográfica e o Plan de Xestión da ZEPA para podermos facer unha valoración da mesma e como paso previo á convocatoria dunha mesa de negociación na que tiveran representación todos os colectivos da comarca implicados.

Por outra banda, se a Xunta de Galiza do PP mantivese un mínimo de coherencia e de continuidade na doutrina que irresponsabelmente abrazou durante o comezo desta lexislatura, a novidosa ferramenta político-administrativa experimentada pola Consellaría de Educación na súa “Consulta sobre o Galego no Ensino” (que nós rexeitamos por chapuceira, oportunista, falaz e tramposa) poderiamos agardar que fose aplicada a outras áreas de goberno e outras materias. Por isto, no BNG de Xinzo consideramos que non debería estrañar e ata sería lóxico reclamarlle á Consellaría do Medio Rural que artellase un procedemento similar, en forma de consulta a todos os cidadáns dos concellos afectados, para coñecer a súa opinión ao respeito da ZEPA, realizada nesta ocasión cos requisitos mínimos de transparencia e control que garantan uns resultados fiabeis.

Non dubidamos da boa acollida da nosa suxestión por parte do Sr. Feijóo ao brindarlle unha oportunidade de perfeccionar o mecanismo da “consulta”, solventando certas carencias formais e conceptuais que se teñen revelado na primeira experiencia práctica, e ao permitirlle afianzar o seu recén adquirido compromiso coa liberdade dos cidadáns como líder dun goberno que fuxe, coma do lume, das imposicións.

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
4 de Setembro de 2009

O BNG de Xinzo reclama que a Xunta faga públicos xa os termos da súa proposta de ZEPA ‘A Limia’ e convoque unha mesa de negociación cos sectores implicados

20090904-capa

As declaracións realizadas a pasada cuarta-feira (mércores) polo director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza, Ricardo García-Borregón, no senso de que a declaración da ZEPA “non afectará aos usos agrarios tradicionais” carecen da máis elemental credibilidade ao seren efectuadas polo representante dun goberno do mesmo Partido Popular que hai escasamente dous anos arremetía contra unha proposta similar feita polo daquela goberno bipartito e defendida nos mesmos termos.

A masiva resposta social interesadamente promovida e liderada entón polo PP dun xeito irresponsábel non admitía matices nin explicacións: esixían a retirada incondicional da declaración de ZEPA polos “perxuicios que ocasionaría na economía da comarca”. Neste, como noutros moitos temas, ao Presidente Núñez Feijóo faltoulle tempo para mudar de opinión e pasar a defender exactamente o contrario do que plantexaba cando estaba na oposición.

No BNG, pola contra, podemos presumir de coherencia e de defendermos os mesmos argumentos hai dous anos e na actualidade. A nosa preocupación fundamental son os labregos e labregas da Limia e a continuidade e viabilidade das súas explotacións. Con este obxectivo non nos opoñemos a ningunha figura de protección medio-ambiental sempre que se garanta a anterior premisa.

En vez de reunirse cos comisarios políticos do seu partido para iluminalos sobre as bondades recén descubertas da ZEPA, o Sr. García-Borregón debería convocar aos sectores afectados pola declaración e explicarlles a proposta de ZEPA ‘A Limia’ que foi remitida a Bruxelas, ao tempo que negocia con eles as condicións en que vai ser aprobada. Nomeadamente, para podermos falar e traballar sobre bases concretas, no BNG esiximos coñecer xa a zonificación e o Plan de Xestión que vai regulala.

Por isto, como xa anunciamos na segunda-feira (luns), o Grupo Municipal do BNG de Xinzo ven de presentar unha moción para debater en Pleno esixíndolle á Consellaría do Medio Rural que faga públicos os termos da súa proposta de ZEPA e que se convoque unha mesa de negociación con todos os implicados para chegar a unha solución dialogada. Non dubidamos que será aceptada e apoiada sen reservas polo noso Alcalde, Isaac Vila, que hai un ano encabezaba todas as protestas e non descartaba, chegado o caso, a posibilidade de subirse a un tractor e presentarse en Santiago.

Referencias:

bng
2003-2010, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | info@bng-xinzo.org

Cretos e recoñecementos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

124 queries - 2,155 segundos | Powered by WordPress