No pleno ordinario de hoxe tratáronse varios temas de interese para os veciños de Xinzo que brevemente imos a resumir.
En primeiro lugar, como un punto destacado da orde do día, aprobouse a suba do IBI para o ano 2010, pasando ao 0,41% en urbana e 0,36% en rústica, co voto en contra do BNG xa que isto é consecuencia do Plan de Saneamento Económico-Financeiro aprobado no pleno de 17 de xuño ao abeiro do RD. 5/2009. Xa daquelas estivemos en contra porque a medida estrela que propoñía Isaac Vila era subir progresivamente o IBI nos vindeiros catro anos para devolver o crédito de 2M de euros concertado. Coma sempre o PP predica unha cousa para os demais e fai o contrario onde goberna. Nestes tempos de crise suben os impostos e encarecen as taxas polos servizos pobres que prestan aos veciños de Xinzo.
Logo por unanimidade aprobouse unha moción nosa sobre os Regadíos pendentes que solicitaba o compromiso previo á firma do convenio entre as Comunidades de Regantes da comarca da Limia, a Xunta de Galiza (Consellaría do Medio Rural) e SEIASA do Norte, para que se lles presenten aos regantes os proxectos de obra definitivos, incluíndo os custos totais dos mesmos, co obxectivo de que estes teñan claro a contía que van ter que achegar.
Nas mocións de urxencia presentamos una iniciativa ao respeito do escándalo dos recibos de auga do terceiro trimestre para que se analizara a situación e se deran explicacións e outra sobre a declaración escurantista da ZEPA da Limia que está a tramitar o PP na Xunta. O Grupo de Goberno aceptou incluir nunha Comisión Informativa convocada para o vindeiro martes as nosas teses no tocante ao dos recibos e rexeitou a urxencia da moción da ZEPA xa que segundo o Alcalde “non sabe como está a cousa” e ten que informarse. Proba evidente de que o que nós denunciamos na nosa moción é totalmente reflexo da realidade: o PP está a tramitar a declaración de ZEPA de espaldas aos afectados, sen negociar, sen información, sen explicar a súa proposta e sen contar cos veciños e veciñas da Limia.
Referencias:
Hoxe, ás 18:00h, celebrase o Pleno ordinario de outubro do Concello de Xinzo segundo a orde do día que acompañamos (ver pdf adxunto).
Como puntos máis salientabeis a tratar destacamos:
* 4. Suba do IBI en aplicación do Plan de Saneamento Económico-Financeiro (RD 5/2009).
* 8. Moción do BNG relativa á execución dos Regadíos da Limia.
Xa dentro do capítulo de mocións de urxencia presentaremos dúas iniciativas, unha sobre a ZEPA e a outra sobre as irregularidades denunciadas nos pasados días na facturación do servizo de abastecemento de auga do 3º trimestre.
O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, presentou hoxe as emendas do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado 2010 para mellorar as dotacións para a comarca de A Limia. O BNG rexistrou no Congreso dos Deputados unha serie de emendas aos Orzamentos estatais co fin de mellorar as partidas para Galiza. Entre estas emendas están as relativas á comarca de A Limia. No seu conxunto, os nacionalistas galegos demandan 7 millóns de euros máis para esta comarca. As propostas do BNG atinxen a cuestións relativas ás infraestruturas, a temas medioambientais, rurais como os regadíos e tamén culturais. En concreto, as melloras que o BNG propón son as seguintes:
- 500.000 euros para a transferencia de capital ao concello de Allariz para o Centro de Interpretación da Historia.
- 750.000 euros para a construción do colector e Edar en Vilar de Santos.
- 300.000 euros para a N-525. Circunvalación a Xinzo de Limia.
- 500.000 euros para a rehabilitación do Mosteiro de Trandeiras.
- 200.000 euros para a limpeza do cauce do Río Limia en Xinzo.
- 2 millóns de euros para o regadío de Lamas-Ganade.
- 500.000 euros para o regadío de San Lourenzo de Sabucedo.
- 300.000 euros para o regadío parte alta do Río Limia.
- 2 millóns de euros para o regadío Corno do Monte.
Pérez Bouza afirmou que agarda que na tramitación das emendas se atendan as necesidades que ten a comarca de A Limia e que o BNG plantexa nas súas propostas.

Trala demanda de explicacións feita o pasado mércores, 21 de outubro, tanto ao Grupo de Goberno do PP como á empresa concesionaria do servizo, pola emisión de facturas con importes desproporcionados, a Área de Economía do BNG de Xinzo puido constatar ao longo desta semana despois de revisar preto de cen casos tanto de particulares como de empresas e cotexalos coa media que viñan aboando, que o importe destas facturas non se axusta a unha lectura real e periódica dos contadores senón que, pola contra, é froito da aplicación reiterada por parte da empresa dunha lectura estimativa á baixa desde que fora aprobada a nova taxa de saneamento a finais de 2008 e que agora, en setembro, ao realizarse a lectura real obriga a corrixir o desfase aplicando toda a diferenza e carga do consumo nun só recibo.
Esta práctica fraudulenta chegou ao disparate esta semana coa aparición duns recibos de auga e saneamento cun importe desorbitado e inasumíbel, dado que o aumento ficticio de consumo propiciado polo desaxuste das lecturas fai que o gravame se disparara de xeito exponencial dando como resultado unhas facturas ata 50 veces máis altas do normal como consecuencia da aplicación da facturación por tramos.
É por todo elo que o BNG esixe, tanto do Concello como da empresa concesionaria, unha rectificación pública inmediata, así como a urxente retirada e anulación das recentes facturas emitidas ata que non sexa asumida e depurada por parte do Grupo de Goberno a razón deste dislate, e anima aos veciños afectados a non aboar os seus recibos mentres non se corrixan os erros. Do mesmo modo activaranse unha serie de medidas e iniciativas institucionais no vindeiro Pleno do xoves 29 de outubro encamiñadas a avanzar e consolidar unha mellor e máis eficiente prestación deste servizo básico.
Para o BNG estes feitos constatan que a xestión de Isaac Vila con 30 anos de experiencia municipal non lle sae barata á veciñanza da Limia. Trala mentira electoral de “con Feijoó menos taxas” chegou a hora da verdade da falla da profesionalidade e a fraude ao que cabe engadir unha concesión multimillonaria ata 2043 e as taxas de saneamento, aprobadas polo PP, máis altas de Galiza.
Referencias:
O BNG de Xinzo solicita unha aclaración, tanto do Grupo de Goberno do PP como da Empresa concesionaria do Servizo de Abastecemento e Depuración Aquagest, tralo envío masivo de facturas con un importe sobredimensionado e desproporcionado.
Desde o BNG de Xinzo estase a constatar a través da súa Oficina de Atención Cidadá sita no Multicentro, onde xa foron recibidas no que vai de semana máis de vinte queixas relacionadas coa lectura e importe sobredimensionado do pertinente recibo da factura de saneamento e depuración (en moitos casos supera os 500€ cando se viña abonando unha media de 20€) que a empresa concesionaria está a remitir estes días. Nos casos atendidos polo BNG os veciños coinciden en non ter ningún tipo de avaría nin anomalía na súa instalación, así como non ter feito un consumo reseñabel por diferente e desorbitado comparado coa última lectura do servizo en xuño pasado (razóns estas que esgrime a empresa a hora de xustificar o aumento desproporcionado dos recibos).
É por elo que o BNG, a través do seu Concelleiro Portavoz Amador Díaz, esixe tanto do Concello como da empresa concesionaria unha aclaración inmediata, así como a urxente paralización na emisión das facturas ata que non sexa revisada e esclarecida por parte da empresa concesionaria a causa deste disparate.
Para o BNG este tipo de feito non ten cualificativo xa que non é novo. O pasado ano Aquagest enviou un recibo a un veciño de Morgade cun importe de 5.000€ sen cerciorarse do correcto da lectura. Esta falla de profesionalidade é inxustificábel e sempre pagan os erros os mesmos. Unha empresa que ten unha concesión multimillonaria do servizo ata 2043 debería actuar con outro tipo de rigor e profesionalidade, a non ser que trala desproporción dos recentes recibos agochen outro tipo de interese como a liquidación dos reiterados fraccionamentos que lle foron aplicadas as novas taxas no seu pagamento, taxas aprobadas polo Grupo de Goberno do PP en 2008, cuxa cuantía supón a máis alta de Galicia, o triplo que Verín e o dobre que Vigo ou A Coruña.
Referencias:

Por vez primeira en toda a historia da autonomía, o Goberno galego non só non está a defender a nosa lingua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu uso nos diferentes ámbitos.
O (des)goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo é o primeiro destes 30 anos de democracia que non respecta a obriga estatutaria de promover e potenciar o uso da lingua propia do país e garantir os seus usos oficiais.
Todas e cada unha das medidas gobernamentais executadas ou anunciadas nestes meses no ámbito da lingua teñen ido dirixidas a anular medidas positivas para o noso idioma e os dereitos lingüísticos que nos asisten ou frear proxectos destinados a tales fins. Algúns exemplos son o anuncio de derrogación do decreto do 50% de ensino en galego (coa mal chamada “consulta” ás familias e todo o seu ronsel de irregularidades); a supresión das axudas á tradución de libros para o noso idioma; ou a contrarreforma da Lei da Función Pública, só para que o galego non sexa igual de necesario que o castelán para acceder a un posto de traballo na administración galega.
Por sorte, existe en Galiza un amplo corpo social que quere o galego e está disposto a responder na súa defensa. A esta base social que entende a nosa lingua como algo de seu, heteroxénea na súa composición e mesmo na súa práctica lingüística habitual, é que nos diriximos desde a Plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO: unha iniciativa conformada por entidades sociais de diversa tipoloxía e persoas a título individual que nace coa vontade de ser o espazo común no que converxan as diferentes sensibilidades e colectivos cidadáns que defende o galego.
Acude á manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela o domingo 18 de outubro ás 12 da mañá.
Axenda Xinzo
Luns, 12 de outubro, reparto de información na Praza Maior ás 11:30h.
AUTOBÚS GRATIS DENDE XINZO PARA IR O 18 A SANTIAGO
Para podermos organizar convenientemente o servizo de autobuses, pregóche que de estar interesado en utilizalo, chames antes da cuarta-feira (mércores) a Xosé-Lois Carreira (639816003)