25 de xullo, Día da Patria Galega. Manifestación en Santiago de Compostela. FAI VALER A TÚA FORZA!!!

bng.xinzodalimia

23 de Dezembro de 2009

O BNG denuncia que o PP, tanto no Concello como na Xunta, incumpre os seus compromisos eleitorais para salvar Vidriera del Atlántico

O Responsábel Comarcal do BNG da Limia, Xosé Manuel Pérez Bouza, denuncia que “o PP incumpre claramente os compromisos que fixo durante a campaña electoral das eleccións autonómicas para salvar Vidriera del Atlántico, provocando coa súa inacción que a totalidade dos traballadores poidan perder os seus postos de traballo”.

Pérez Bouza lembra que “este comportamento contrasta co que tivo no seu día o BNG, que cando participaba do goberno da Xunta de Galiza, comprometérase co BA Glass, empresa propietaria de Vidriera del Atlantico, a iniciar de inmediato a ampliación dos terreos no Parque Empresarial, a achegar o gaseoducto até a fábrica e mesmo a estudar a posibilidade de outorgarlle unha axuda para o recambio do forno.

Sen embargo, o Responsábel Comarcal do BNG denuncia que “pasados xa seis meses dende que o PP está na Xunta de Galiza, non fixeron nada do comprometido por eles, nin lle deron continuidade ao feito polo BNG, contribuíndo decididamente coa súa desidia ao peche da fábrica”. Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Bouza subliña que “o BNG acordou nunha recente xuntanza do seu Consello Comarcal, solidarizarse cos traballadores, porse a súa disposición, así como transmitirlle todo o seu apoio”.

Ademais, o máximo órgano de dirección do BNG na comarca esíxelle á Xunta de Galiza e á empresa que “fagan todos os esforzos posibeis e adopten con celeridade todas as medidas necesarias para que A Limia non perda esta importante empresa e con ela os seus postos de traballo”.

Por último, o Responsábel Comarcal do BNG denuncia que “Isaac Vila, tras recibir miles de euros de axudas públicas para por en marcha en 2001 a fábrica, fixo desde o inicio unha nefasta xestión de Vidriera del Atlantico o que tivo como consecuencia que a empresa entrara nunha situación de perdas continuadas. Esta situación deuse porque Vila nunca considerou a Vidriera del Atlantico como un proxecto empresarial forte e con futuro, xenerador de riqueza na comarca, senón que unicamente a utilizou con fins partidistas, aproveitando as espectativas de xeración de emprego como arma electoral”

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
17 de Dezembro de 2009

O Pleno aproba unha moción do BNG para potenciar o Comercio local de cara ás datas do Nadal

No pleno ordinario de hoxe aprobáronse sendas mocións do BNG nas que se propoñían ao Concello accións inmediatas de cara a este Nadal que axuden a potenciar as vendas do noso comercio e de apoio a Aminatou Haidar. O BNG solicitou do grupo de goberno tres medidas: dúas horas de gratuidade no aparcamento da Praza de Carlos Casares a quen merque nalgún establecemento de Xinzo, unha campaña convidando a facer as compras na localidade e un especial coidado dos operarios do Concello e da Policía Local para facilitar e facer máis agradábel a estancia dos visitantes na nosa vila. Somos conscientes de que son medidas cativas, paliativas dunha situación de deterioro que ven de longo, e que a verdadeira solución viría da man de accións estruturais de máis calado como as que leva propoñendo o BNG nos últimos anos: potenciación do tecido asociativo dos comerciantes, humanización da vila, criación dunha marca de calidade identificada con Xinzo asociada a un Centro Comercial Aberto, eliminación do tráfico pesado do núcleo do pobo mediante a circunvalación, posta en marcha dun sistema de transporte comarcal, etc.

Outra das nosas mocións, que quedou pendente para tratar nunha comisión informativa ordinaria, propoñía aplicar a baixada do IPC de setembro de 2009 (-1%) ás taxas de abastecemento, saneamento e depuración que se revisan anualmente conforme a este índice. Do mesmo xeito que cando subía o IPC repercutía na tarifa do servizo, agora que baixa consideramos de xustiza lle sexa trasladado este descenso ás veciñas e veciños en forma de baixada das taxas correspondentes.

Xa dentro dos puntos da orde do día o PP aprobou en solitario o recoñecemento dunha débeda de 166.000 euros, que lle reclama a concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento ao Concello polo téorico desfase de ingresos no primeiro e segundo trimestres de 2009 como consecuencia da non entrada en vigor das tarifas aprobadas o ano pasado. Para nós resulta incomprensíbel que se recoñeza esta suposta débeda sen un estudo que a contraste por parte dos técnicos municipais, co informe en contra da Interventora e co único aval dunha relación de facturas e partes de traballo presentadas pola propia concesionaria. Logo de hipotecar a xestión municipal nesta materia para os vindeiros coarenta anos o alcalde, Isaac Vila, non ten ningún escrúpulo en seguir xogando co diñeiro de todos alegremente e co único aval que lle da dispoñer da maioría absoluta.

Outro ditame, aprobado por unanimidade, reclama da Xunta a suspensión do polémico Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a ZEPA da Limia, mentres non se garanta a compatibilidade coas prácticas agrarias actuais. A mesma ZEPA que foi imposta por Feijóo, sen consenso nen negociación, logo de ter prometido en campaña o contrario.

Relacionadas:

Pleno ordinario 17.12.2009

Hoxe, ás 18:00h, celebrase o Pleno ordinario de decembro do Concello de Xinzo segundo a orde do día que acompañamos (ver pdf adxunto).

Como puntos máis salientabeis a tratar destacamos:
* 5. Solicitude de recoñecemento da concesionaria do servizo de abastecemento e depuración dunha suposta débeda de 166mil euros.
* 6. Peticións á Xunta ao respeito da recente declaración da ZEPA A Limia.
* 7. Modificacións do réxime peatonal das rúas do casco vello.

Xa dentro do capítulo de mocións de urxencia presentaremos unha iniciativa de dinamización do comercio local de cara a estas datas do Nadal, solicitaremos a aplicación do IPC negativo de setembro (-1%) ás taxas de abastecemento, saneamento e depuración e denunciaremos a situación que está a padecer Aminatou Haidar.

 Arquivado em: Grupo Municipal
2 de Dezembro de 2009

Concentración para esixir a apertura imediata da ITV

20091202-capa

O desleixo, abandono e caos reinantes na Xunta do PP abranguen a todas as materias e a todas as consellarías. Logo de máis de tres meses rematada e totalmente equipada a Estación da ITV que a anterior Consellaría de Industria, xestionada polo BNG, instalou no Parque Empresarial de Xinzo segue pechada porque lle falta un papel!!! A administración do Partido Popular e do incompetente Presidente Feijóo tardan máis en arranxar un papel que o que o BNG tardou en construila.

Para esixir que este servizo entre en funcionamento XA! celebraremos unha CONCENTRACIÓN-MANIFESTACIÓN con vehículos ás súas portas este sábado, 5 de decembro, ás 17:00h. Acode e trae o teu coche, trator, moto,…!!!

Referencias:

 Arquivado em: Axenda, En destaque

bng
2003-2010, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | info@bng-xinzo.org

Cretos e recoñecementos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

128 queries - 2,131 segundos | Powered by WordPress