A incompetencia do Goberno do PP de Xinzo mantén pechada a estrada Xinzo-Vilar de Barrio despois de dúas semanas

Desde o 12 de xaneiro permanece cortada ao tránsito de vehículos a estrada Xinzo-Vilar de Barrio pola Lagoa debido ao mal estado da mesma. Este corte está a afectar moi negativamente aos veciños que acotío empregaban esta vía, xa que se ven obrigados a tomar o desvío pola OU-1102 cun firme en mal estado, abundancia de curvas e paso obrigado polos pobos da zona.
O corte non está en absoluto xustificado xa que noutras ocasións, coa estrada en peores condicións, non se tiña adoptado esta medida, nin é entendíbel porque só afecta ao tramo de Xinzo mentres que a partires dos límites do noso concello pódese empregar con normalidade.
Inexplicabelmente nestas dúas semanas non se ten tomado ningunha medida urxente encamiñada a restablecer o tráfico, nin se ten anunciado ningunha solución a medio prazo para a mesma como o BNG de Xinzo ten reclamado en numerosas ocasións, a última hoxe mesmo coa presentación dun escrito no Concello urxindo unha solución definitiva a este problema.
O PP de Feijóo, Baltar e Vila andan nestes días máis preocupados de arranxar as súas diferenzas internas na loita polo control do partido en Ourense e mentres tanto as veciñas e veciños de Xinzo sufrimos a inoperatividade dos gobernos decadentes e en fase terminal do Concello e a Deputación, así como o abandono da Xunta do PP de Alberto Núñez Feijóo que, logo de mentir e enganar ás veciñas e veciños de Xinzo no tema da ZEPA, é incapaz de ofrecer contrapartidas para a nosa comarca en forma de inversións na mellora das nosas infraestruturas.
Referencias:
- Radio Limia (29-01-2010): El BNG denuncia la incompetencia del gobierno local en el caso de la pista de Xinzo a Vilar de Barrio
- La Voz (30-01-2010): La carretera de Xinzo a Vilar de Barrio sigue cortada pero sin obras





