25 de xullo, Día da Patria Galega. Manifestación en Santiago de Compostela. FAI VALER A TÚA FORZA!!!

bng.xinzodalimia

26 de Março de 2010

A Xunta do PP manterá o actual horario da ITV en Xinzo a pesar dos problemas que xenera

O Goberno galego respondeu hoxe, en sede parlamentar, a unha iniciativa do BNG sobre o horario da I.T.V e afirmou que manterá o mesmo horario de 9 a 13.30hs e de 15.30 a 18 horas de luns a venres a pesar dos problemas que está a ocasionar aos propietarios cuxos vehículos están obrigados a pasar esta inspección.

O deputado do BNG, Alfredo Suárez Canal, defendeu ampliar o horario diario e a apertura da ITV durante os sábados pero o Director xeral de Industria respondeu que “mentres non haxa máis demanda o horario permanecerá como está”.

Suárez Canal asegurou que durante o bipartito “este servizo mellorou porque se produciu unha rebaixa do importe da ITV e púxose en funcionamento outra estación” e lamentamos –dixo- que o actual horario da Limia non sexa o mesmo que o do resto da provincia, “provocando graves problemas para os traballadores e traballadoras que deben adaptar o seu horario ao da ITV e en moitas ocasións resulta incompatible”.

O deputado do BNG acusou ao responsábel da Xunta de “ter mala conciencia” e non amosar disposición para resolver un problema de ampliación de horario que afecta sobre todo ás persoas con menos recursos, e que “grazas ao anterior goberno se deu resposta a unha demanda histórica na Limia e agora non hai intención de cambiar estes horarios”.

Para o deputado do BNG, o argumento esgrimido pola Xunta para negar a ampliación deste horario non se sostén, xa que se basea “nun futurible” e está en función do incremento dos vehículos que deben facer a ITV.

Alfredo Suárez Canal concluíu a súa intervención cunha petición ao Director Xeral de Industria, Ángel Bernardo Tahoces, para que non se ampare na referencia de 6 vehículos por hora porque a reclamación da poboación de Xinzo de Limia é “a ampliación do horario da estación para poder facer a ITV sen que colida cos horarios laborais”.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa

Pleno extraordinario 26.03.2010

Hoxe, ás 18:00h, celebrase un Pleno extraordinario do Concello de Xinzo segundo a orde do día que acompañamos (ver pdf adxunto).

O pleno ten un carácter eminentemente económico e ven motivado pola obriga de tratar e aprobar o seguinte punto antes do día 31 deste mes:

* Dación de conta da Avaliación do Plan de Saneamento aprobado con motivo da operación de endebedamento realizada ao amparo do Real Decreto Lei 5/2009, de 24 de abril.

 Arquivado em: Axenda, Grupo Municipal
25 de Março de 2010

O BNG foi o único grupo que presentou un texto que expresamente defendía a actividade agrogandeira na ZEPA da Limia

O Bloque Nacionalista Galego quere realizar as seguintes aclaracións respecto da aprobación da modificación da lei de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galiza en relación coa ZEPA da Limia:

PRIMEIRO

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego foi o único que no tramo final da tramitación do proxecto de lei, no momento do seu debate en Pleno presentou, en base a unha emenda previa do propio grupo referida aos usos agrogandeiros, unha proposta de transacción que puidese resolver os obstáculos que desde a perspectiva da lexislación urbanística puidesen empecer a actividade agraria e gandeira nos terreos afectados pola declaración de ZEPA. A proposta de transacción tiña o seguinte tenor literal:

“Engadir un novo punto 4 no artigo 39 (que é o que regula os usos no solo rústico de especial protección de espazos naturais) coa seguinte redacción: Nos solos incluídos na delimitación da Zona de Especial Protección de Aves da Limia ademais dos anteriores, estarán permitidos os usos previstos no artigo 33 (que regula os usos do solo rústico) alínea 2. (usos construtivos), parágrafos a) (construcións e instalacións agrícolas…) e b) ( construcións e instalacións destinadas á gandaría…) ademais das infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento.”

Esta proposta de transacción non puido ser aprobada por non ser aceptada polos outros grupos parlamentares e non ter, obviamente, o Bloque Nacionalista Galego a maioría suficiente para facelo.

SEGUNDO

O Grupo do PP formulou unha posíbel transacción con outro grupo, que non era o do Bloque Nacionalista Galego, ao carecer o PP de emendas propias, e que implicaba que ese outro grupo aceitase a retirada da súa emenda para poder aceptar a proposta do PP, ao cal non se prestou dito grupo parlamentar. Non houbo, polo tanto, ningún tipo de obstaculización nin veto por parte do BNG a quen a súa representación, que é de só doce deputados/as, por outra parte, non lle da tal capacidade de impedir maiorías parlamentares.

En calquera caso hai que sinalar que a proposta do PP non facía ningunha mención nin expresa nin remota á ZEPA da Limia nin producía ningunha modificación nos usos permitidos no solo rústico, limitándose a excluír os terreos incluídos na Rede Natura da consideración de solo rústico de protección de espazos naturais o cal podería permitir que nun espazo natural protexido se constrúa unha urbanización e aínda así non resolver a compatibilidade de usos agrogandeiros na Limia.

TERCEIRO

Desde o Bloque Nacionalista Galego expresamos unha vez máis que a nosa posición en relación coa ZEPA da Limia se mantén invariábel no sentido de que en primeiro termo se debe garantir o desenvolvemento e competitividade dos usos agrarios e gandeiros actuais e futuros desta comarca e que non foi a nosa organización que decidiu nin permitiu que se aprobase o Decreto de ZEPA sen adoptar previamente as medidas que garantisen o cumprimento desa premisa.

Finalmente consideramos que só desde o descoñecemento e a ignorancia máis absoluta dos feitos ou, o que sería peor, coa clara intención de difamar á nosa organización política se poden realizar imputacións tan maniqueas, terxiversadas e malintencionadas como as realizadas contra nós, posto que foi o único grupo que puxo encima da mesa un texto que contiña unha alusión concreta e explícita para que na ZEPA da Limia non existise ningún tipo de impedimento para a actividade agraria e gandeira.

Referencias:

ACTUALIZACIÓN (27-03-2010)

En resposta ás afirmacións de Unións Agrarias que acusaban ao BNG de incoherente e de abandoar aos agricultores da Limia, hoxe, representantes de catro comunidades de regantes, da Asociación de Productores de Pataca e do sector gandeiro de Xinzo aseguran nun comunicado que non se sinten «representados pola dita organización sindical» e poñen en dúbida a súa representatividade e lexitimidade para negociar o Plan de Usos da Zepa.

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
19 de Março de 2010

O PP impide desbloquear o Plano de modernización do Regadío da Limia

Os votos en contra do Partido Popular impiden sacar adiante unha iniciativa, presentada pola deputada do BNG Tereixa Paz, para instar á Xunta a asinar de inmediato con SEIASA o convenio marco que permita iniciar neste semestre, previa sinatura dos convenios particulares coas Comunidades de regantes, a execución do plano de modernización do regadío na Limia.

A deputada nacionalista lembrou que é responsabilidade da Xunta que a ampliación destes regadíos leve un ano paralizada, co conseguinte prexuízo que esta demora está a provocar aos regantes e labregos da comarca.

Tereixa Paz fixo algo de historia, durante a súa intervención, sobre a cronoloxía deste Convenio Marco e recordou que naceu para o período 2007-2013 coa finalidade de dar continuidade ao proceso de modernización dos regadíos, tendo en conta as condicións do actual marco estatal, co obxecto de establecer os termos da colaboración entre SEIASA, as comunidades de regantes afectadas e a Consellaría do Medio Rural.

A parlamentar explicou que o dito convenio xa fora aprobado polo consello de administración de SEIASA na súa reunión de febreiro de 2009, ficando só pendente de aprobación polo Consello da Xunta, trámite que xa podía estar superado tamén, dixo, toda vez que cando o actual goberno tomou posesión estaba rematada toda a tramitación e mesmo existía a consignación orzamentaria precisa para facer fronte ao compromiso da Xunta co seu financiamento.

Para a deputada, é “incomprensíbel” e “inxustifícabel” que á vista destes antecedentes a día de hoxe o convenio aínda estea sen asinar, o que impide, á súa vez, poder asinar os convenios específicos coas Comunidades de Regantes, de ahí a urxencia da iniciativa debatida hoxe.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa
18 de Março de 2010

Muller, motor do País

20100318-cartaz

A conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, coincidiu este ano 2010 con dúas efemérides importantes que non deben pasar desapercibidas. A primeira delas é o Centenario da Instauración do 8 de Marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. A segunda, o 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, relevante no noso contexto nacional por recuperar a tradición escrita da nosa lingua, mais tamén por ser precursora do pensamento feminista na Galiza. A súa obra contén unha preocupación pola condición das mulleres e o seu papel na historia e na sociedade. Mais tamén unha denuncia do papel subordinado e discriminado das mulleres naquela altura.

A situación das mulleres na Galiza -ao igual que no resto do mundo- evidencia que a reivindicación de igualdade real segue tendo plena vixencia. Para analizar e debater estes temas celebraremos unha Conferencia-Mesa redonda baixo o lema “Muller, motor do País” o vindeiro sábado, 20 de marzo, ás 18:00h, no Café Tremedoiro de Xinzo.

Contaremos co asistencia das seguintes ponentes:

  • Alba Mª Feixóo, Responsábel Local de Galiza Nova.
  • Teresa Devesa, Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Allariz.
  • Teresa Moure, doutora en Lingüística e escritora (ver perfil).
  • Tereixa Paz, Deputada do BNG no Parlamento de Galiza.
 Arquivado em: Axenda
16 de Março de 2010

O BNG denuncia a irresponsabilidade do PP nas labouras de desratización da vila

20100316-capa

O goberno trapalleiro do PP presidido, de momento, por Isaac Vila segue a dar paus de cego na súa xestión e, logo de estragar un dos mellores espazos verdes do pobo (outro máis), agora sorpréndenos pola súa deixadez e irresponsabilidade á hora de supervisar os medios empregados para controlar a proliferación de roedores no núcleo da vila.

O método consistente na dispersión de cebos envelenados colocados no extremo du arame, estratéxicamente ubicados nos sumidoiros, amosa unha inconcebíbel falla de senso común que pon en perigo a calqueira neno que sin sospeitar o que é, tire do gancho porque lle chame a atención iso que se ve aí. É unha mostra máis do goberno chapuceiro que temos neste concello que, en vez de contratar a unha empresa especializada, manda a uns operarios municipais que non saben disto a colocar o cebo sin máis, denunciou Amador.

Definitivamente o PP suspende en conciencia e xestión ambiental e o concelleiro responsábel deste departamento, Antonio Pérez Rodríguez, conságrase diante da veciñanza como un dos máis nocivos, inútiles e incompetentes que tivemos que padecer nos gobermos “populares” de todos os tempos.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque
8 de Março de 2010

Guillerme Vázquez exixe a avaliación dos danos do temporal na Limia e que se poñan en marcha axudas para os agricultores da comarca

20100308-capa

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, realizou esta mañá unha visita ás zonas afectadas polo temporal na comarca da Limia, onde fixo un percorrido para comprobar a situación das veigas de cereal asolagadas en Piñeira Seca (Xinzo de Limia) e dos danos causados en naves agrícolas. “Debemos de esixir con urxencia, en primeiro termo á Xunta de Galiza, Deputación, concellos e Goberno central que, cando menos, se deixen caer pola zona para avaliar os danos do temporal e poñan en marcha axudas para que esta xente poida saír da situación na que se atopa”, sinalou Guillerme Vázquez.

Guillerme Vázquez comprobou in situ os “innumerábeis danos en bens privados” e afirmou que “resulta incomprensíbel e lamentábel que ás distintas administracións da Xunta de Galiza nin se lles ve nin se lles espera”. “Estamos diante da nave dun agricultor que ten afectadas as súas instalacións e os seus propietarios teñen que estar durmindo nelas, facendo quendas, para protexer os seus bens”, sinalou.

O portavoz nacional realizou esta visita acompañado do voceiro do BNG en Xinzo, Amador Díaz, da deputada Tereixa Paz, do senador Xosé Manuel Pérez Bouza e do alcalde de Allariz, Francisco García, entre outros, ademais de agricultores e membros das comunidades de regantes.

“É lamentábel que nin Concello, nin Xunta, nin Estado se preocupen pola situación dunhas persoas que teñen que verse obrigadas a defender os seus propios bens porque a autoridade non está dispoñíbel”, dixo o portavoz nacional. Guillerme Vázquez engadiu que “estamos nunha comarca na que os prezos derivados da pataca están por debaixo dos prezos de produción, con toneladas sen vender a estas alturas, e agora vemos como unhas inundacións que botaron abaixo a colleita de cereal e dificultan as plantacións para futuras colleitas” van agravar a situación do sector agrario e o desenvolvemento económico desta comarca.

As administracións competentes “a estas alturas non avaliaron os danos, non pasaron pola zona e non puxeron en marcha un plan de axudas para que os agricultores poidan saír desta situación dende o punto de vista do BNG é intolerábel que vivan fóra da realidade e dos problemas da xente”.

“A nós correspóndenos facer presión política para que isto non siga así e presentaremos iniciativas nos concellos, no Parlamento galego, no Congreso e no Senado e en todos aqueles órganos de representación onde estamos”, afirmou.

Referencias:

 Arquivado em: En destaque, Sala de imprensa

Pleno extraordinario 08.03.2010

Hoxe, ás 19:00h, celebrase un Pleno extraordinario do Concello de Xinzo segundo a orde do día que acompañamos (ver pdf adxunto).

O pleno será monográfico cun único punto a tratar enriba da mesa:
* Solicitude de declaración da Comarca da Limia como Zona Catastrófica.

 Arquivado em: Axenda, Grupo Municipal
Páxinas: 1 2 Seguinte

bng
2003-2010, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | info@bng-xinzo.org

Cretos e recoñecementos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

136 queries - 2,472 segundos | Powered by WordPress