O BNG esixe que se amplie o horario de atención aos usuarios da Estación da ITV de Xinzo
O responsábel comarcal do BNG na Limia, Xosé Manuel Pérez Bouza, esixe que os horarios da estación de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) de Xinzo se amplíen tanto durante os días de semana, como coa apertura en sábado, para facilitarlle aos usuarios, a realización das inspeccións dos seus vehículos.
Pérez Bouza denuncia que “o horario actual, no que a estación non abre os sábados e pecha pola semana ás seis da tarde, non se axusta para nada ao horario laboral de moitos veciños da comarca, que ao igual que antes de contar coa estación da ITV en Xinzo, téñense que desprazar ate as de Verín e de Ourense, que si ten un horario máis razoábel”. Isto cáusalle un importante prexuízo veciños da comarca, en forma de perda de tempo e de aumento dos custes económicos, do que o responsábel comarcal do BNG acusa directamente á Xunta de Núñez Feijóo, polo “desleixo e falta de sensibilidade que demostra cara os veciños e veciñas da Limia”.
“Cando o BNG tiña responsabilidades na Xunta, tomou a decisión de instalar en Xinzo esta estación, unha demanda histórica de toda a comarca. Chegou o PP ó goberno autonómico e non só atrasou deliberadamente a súa apertura máis de tres meses, cando xa estaba totalmente rematada, senón que agora permite que a empresa que xestiona a estación, Supervisión y Control, estableza uns horarios que non se adecúan para nada aos da xente que traballa”, denuncia Pérez Bouza.
Neste sentido, o responsábel comarcal do BNG, advirte de que “se a Xunta e a empresa non toman de inmediato a decisión de ampliar o horario de atención ao público tanto durante os días de semana como, os sábados, o BNG iniciará na comarca de A Limia, unha campaña de mobilizacións para que, ao igual que tivemos que facer para que se abrira, se amplíe o horario”. “Ademais da campaña de mobilizacións, o BNG tamén actuará no campo institucional, presentando mocións en apoio desta reivindicación, en tódolos concellos da comarca, sendo o primeiro o de Xinzo”, tal como asegura o portavoz municipal nacionalista neste concello.
Referencias:
- Cope (02-02-2010): El BNG exige que se amplie el horario de la Inspección Técnica de Vehículos de Xinzo y que abra también los sábados
- Ourense Dixital (03-02-2010): La ITV de Xinzo no evita las inspecciones en Verín y Ourense, dice el BNG
- La Región (03-02-2010): Ampliación del horario de la ITV de Xinzo
- La Voz (03-02-2010): El BNG de A Limia anuncia movilizaciones si no se amplía el horario de la ITV de Xinzo



