Guillerme Vázquez exixe a avaliación dos danos do temporal na Limia e que se poñan en marcha axudas para os agricultores da comarca

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, realizou esta mañá unha visita ás zonas afectadas polo temporal na comarca da Limia, onde fixo un percorrido para comprobar a situación das veigas de cereal asolagadas en Piñeira Seca (Xinzo de Limia) e dos danos causados en naves agrícolas. “Debemos de esixir con urxencia, en primeiro termo á Xunta de Galiza, Deputación, concellos e Goberno central que, cando menos, se deixen caer pola zona para avaliar os danos do temporal e poñan en marcha axudas para que esta xente poida saír da situación na que se atopa”, sinalou Guillerme Vázquez.
Guillerme Vázquez comprobou in situ os “innumerábeis danos en bens privados” e afirmou que “resulta incomprensíbel e lamentábel que ás distintas administracións da Xunta de Galiza nin se lles ve nin se lles espera”. “Estamos diante da nave dun agricultor que ten afectadas as súas instalacións e os seus propietarios teñen que estar durmindo nelas, facendo quendas, para protexer os seus bens”, sinalou.
O portavoz nacional realizou esta visita acompañado do voceiro do BNG en Xinzo, Amador Díaz, da deputada Tereixa Paz, do senador Xosé Manuel Pérez Bouza e do alcalde de Allariz, Francisco García, entre outros, ademais de agricultores e membros das comunidades de regantes.
“É lamentábel que nin Concello, nin Xunta, nin Estado se preocupen pola situación dunhas persoas que teñen que verse obrigadas a defender os seus propios bens porque a autoridade non está dispoñíbel”, dixo o portavoz nacional. Guillerme Vázquez engadiu que “estamos nunha comarca na que os prezos derivados da pataca están por debaixo dos prezos de produción, con toneladas sen vender a estas alturas, e agora vemos como unhas inundacións que botaron abaixo a colleita de cereal e dificultan as plantacións para futuras colleitas” van agravar a situación do sector agrario e o desenvolvemento económico desta comarca.
As administracións competentes “a estas alturas non avaliaron os danos, non pasaron pola zona e non puxeron en marcha un plan de axudas para que os agricultores poidan saír desta situación dende o punto de vista do BNG é intolerábel que vivan fóra da realidade e dos problemas da xente”.
“A nós correspóndenos facer presión política para que isto non siga así e presentaremos iniciativas nos concellos, no Parlamento galego, no Congreso e no Senado e en todos aqueles órganos de representación onde estamos”, afirmou.
Referencias:
- Europa Press (08-03-2010): El BNG urge a Xunta y Estado evaluar los daños del temporal en A Limia y habilitar ayudas para los agricultores
- Xornal Galicia (08-03-2010): E lamentábel que ás distintas administracións da Xunta de Galiza nin se lles ve nin se lles espera na Comarca da Limia
- Teleminho (08-03-2010): Guillerme Vázquez visita A Limia
- Ourense Dixital (08-03-2010): El BNG propone a la Deputación “partida orzamentario de emerxencia” para la comarca de A Limia
- La Voz (09-03-2010): La corporación de Xinzo pide que se declare A Limia «zona catastrófica»
- El Correo Gallego (09-03-2010): Reclaman ayuda para los agricultores de A Limia




Gracias, Sr Vazquez por preocuparse por nós,como vostede ben dice nin ningúen apareceu por aquí nin se lle espera, porque levamos xa moito tempo nunha situación precaria, moi precaria, os nosos productos están por debaixo do custe de producción e iso a pesares de ser moi lamentable e moi grave, como isto siga así todo se vai ir o garete, estamos nunha situación irresistible, e para acabala de rematar catastrofes naturais, e ninguén se entera,, onde están os sindicatos???? me pregunto eu, para apoiarnos en todos istes eventos..estamos na “apocaplisis” e ninguén se menea, un puro desastre..abandoados por completo por casi todos, vexo un futuro moi crítico para a Limia, e isto tarde ou cedo vai saltar polos aires.. non se pode aguantar mais..un saúdo.
Comentário por Sara — 10 de Março de 2010 @ 1:10 am
Menos mal que hai alguén que se preocupa por algo
Outros estiveron esa semana inaugurando Xantar e con paparota incluída, máis de lembrarse da Limia.. nada de nada
Comentário por lois — 13 de Março de 2010 @ 11:19 am